top of page
Foto del escritorecosdacomarca

FAI TI O GRUPO

Antón Branco Vilariño, veciño de Lalín, escribe un artigo de opinión sobre os perigos da desinformación


Antón Branco Vilariño/Lalín


Artigo de opinión

Compartimos en ECOS DA COMARCA este artigo de opinión que nos enviou Antón Branco Vilariño, veciño de Lalín, sobre os perigos da desinformación.

Antón Branco.

FAI TI O GRUPO


"Teño demasiados grupos de Whatsapp. Cada certo tempo elimino algúns destes contubernios obsoletos. E ademais de nesta rede social teño grupos noutras, así como canles e listas de páxinas que sigo a diario. A través do móbil asómome ao que pasa en cada momento. Se ata hai 15 anos nos relacionabamos, maioritariamente, a través do espazo físico, hoxe hai que sumarlle as horas nas que nos conectamos dende o espazo dixital; ambas realidades xúntanse conformando así un mundo particular para cadaquén.


O ciberactivista Eli Parisier acuñou o termo “filtro burbulla” para referirse a eses mundos particulares que imos construíndo e nos que atopamos aquilo que nos gusta ou que alguén puxo alí para nós. O concepto ten un certo toque amargo porque nos vén a dicir que as nosas relacións tenden a homoxeneizarse ou o que é o mesmo, imos perdendo contacto con aquilo que está fóra das nosas redes de preferencias. Gústame usar, cando falo deste tema, un símil hostaleiro: onde había unha certa variedade de locais gastronómicos agora este campo está inzado de hamburguesarías que se ben é certo que hai diversidade, é sempre o mesmo plato.


Dese plano social paso ao privado. Escoiteille a Jorge Freire unha frase de Freud que di así:“o que está entre o desexo e a súa satisfacción, iso é a civilización”. Sen buscar nesas palabras ningún tipo de credo que seguir si que me parece oportuno recalcar que a impaciencia e a inmediatez son malas conselleiras. Se queremos todo e o queremos agora corremos o risco de caer na impotencia e na rabia. Isto, como estado transitorio ata diría que é necesario, o problema aparece cando se converte en razón de ser. Fronte a esta actitude a humanidade foi progresando, xerando un treito que é do que fala Freud: idea, institución, norma e, ao final, Estado.


Todos estes anos de convivencia entre a vida analóxica e a dixital deixaron aspectos negativos como o fanatismo, a extremación ideolóxica ou a perda dunha visión ampla da realidade; e tamén nos ofrecen aspectos positivos, democratización do coñecemento, accesibilidade da información, maior conectividade global ou simplificación de procedementos molestos. As tecnoloxías non son boas ou malas de seu, dependen do uso que lles deamos.


Publicidade

O poder dun grupo de Whatsapp é inmenso porque parte do persoal e privado, da confianza e da bagaxe que temos con esas persoas que o forman. A información que circula por el considerámola fiable. Non son poucas as veces que me teño comido bulos por terme achegado desta forma á información e descubrir, tempo despois, que aquilo que eu cría e que me parecía evidente non era máis que un engano, un que encaixaba na miña forma de ver o mundo, ás veces levada pola división entre “os meus” e “os outros”, ás veces levada, incluso, polo odio á outra parte.


Pecho esta misiva sen destinatario, pedindo máis transparencia ás institucións, máis preocupación pola calidade da información e máis pausa porque a aceleración dos tempos xera unha ansiedade imparable que nos empurra cara o abismo da desinformación. Deixo aquí o que me dixo Copilot cando lle preguntei por un remate chulo para esta carta: “Deixa o móbil no fogar, a rúa ten moito que ensinar!”.



Antón Branco Vilariño, veciño de Lalín.


0 comentarios

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page