Expertos alertan en Santiso "da permisividade da Xunta con Altri mentres penaliza aos gandeiros"
- ecosdacomarca

- 24 mar
- 4 Min. de lectura
Santiso Vivo analiza os efectos da catalogación do concello como Zona Vulnerable a Nitratos pola Xunta
Ecos da Comarca/Santiso
Santiso Vivo organizou o pasado venres unha mesa redonda arredor da declaración do concello de Santiso (Comarca Terra de Melide) como Zona Vulnerable a Nitratos (ZVN). No local “O Noso Lar”, en Visantoña (Santiso) o colectivo Santiso Vivo celebrou unha mesa redonda para dar información á cidadanía sobre a declaración, por parte da Xunta de Galicia, do concello de Santiso como ZVN. Participaron expertos como Ana Fernández Santamariña, enxeñeira de Montes e vogal de augas de Adega; Xulio Fernández, coordinador comarcal do Sindicato Labrego Galego (SLG) e Ariadna Fernández, deputada do BNG no Parlamento galego e membro do equipo de medio rural do grupo parlamentario nacionalista.

Todos eles coincidiron en criticar "o feito de que a mesma Xunta de Galicia que autoriza ambientalmente cunha DIA positiva a macrocelulosa de Altri pretende ao mesmo tempo “penalizar” ao sector agrogandeiro da zona pola presenza de nitratos". Logo do anuncio por parte da Consellería do Medio Rural da declaración de concellos da zona como Santiso e Melide como ZVN, o voceiro de Santiso Vivo, Serxio Núñez, destacou no comezo desta mesa redonda a necesidade de “dar unha visión integral desde diferentes ámbitos sobre cales son as consecuencias da declaración do concello como ZVN e cal será a afectación para a veciñanza, os sectores produtivos e o medioambiente”. Criticou Núñez a “permisividade” coas emisións de nitratos recoñecidas por Altri na zona “que da por boas un informe favorable de Augas de Galicia”, mentres que “coa outra man, a Consellería do Medio Rural está a sinalar a Santiso pola presenza destes mesmos nitratos nas nosas masas de auga”.
Nese mesmo senso manifestouse Xulio Fernández, quen destacou que desde o SLG se teñen analizado os datos a respecto destas declaracións de ZVN, “que se basean en analíticas de entre 2016 e 2019” cando a propia Xunta de Galicia “ten analíticas máis recentes” de entre 2020 e 2023 que avalían que “Santiso e Melide reduciron os seus niveis de contaminacións por nitratos e mesmo están por debaixo do límite, co que deberían quedar fóra das ZVN”. Desde o SLG, Fernández explicou que “non pode penalizarse a concellos con gandeiría tradicional en base a pastos e ao mesmo tempo autorizar a macrocelulosa de Altri”.
Dixo o responsable comarcal do SLG que precisamente este sistema da gandeiría tradicional a pastos “mitiga os efectos da contaminación por nitratos” nas zonas nas que existe. Considera SLG que é inadmisible “penalizar ás granxas sostibles e no mesmo mes darlle o permiso á macrocelulosa de Altri”. Segundo os cálculos das emisións de nitratos previstos da DIA concedida pola Xunta a Altri “a autorización do goberno galego inclúe unha vertedura por parte de Altri de 255 quilogramos diarios de nitratos “o que equivale a 37 sacos ao día de nitramón directamente ao Ulla”, alertou Fernández.
"Falta de rigor da Xunta"
Pola súa banda, Ana Fernández Santamariña asegurou que os técnicos “descoñecemos, pola falta de rigor e de información da Xunta, se a zonificación se fixo mediante algún tipo de metodoloxía, ou respondendo a otros intereses diferentes aos de acadar o bo estado das nosas augas”. Explicou a vogal de augas de Adega que a problemática da contaminación por nitratos en augas leva moito tempo presente “pero non existe un plan real en Galiza para atallar esta contaminación, dun xeito global”.
Dixo Ana Fernández Santamariña que “os nitratos son moi problemáticos, pero a única fonte non son as agrarias”. Explicou que no caso de Santiso trátase dunha “zona coa gran maioría de explotacións en extensivo”, polo que asegurou que o que acontece é que “preténdese criminalizar aos gandeiros, que non fertilicen as súas terras”, mentres que a Xunta por outra banda “permite a unha macrocelulosa contaminar directamente o río con moitas sustancias, entre as que estarían 255 quilos diarios de nitratos”.
Publicidade
Segundo a enxeñeira e vogal de Adega “as medidas para frear este tipo de contaminación deberían de estar encamiñadas a potenciar un rural máis sostible, potenciando os nosos filtros verdes, como é a vexetación ribeirega e non facilitar os trámites para a súa tala”, como fixo fai uns meses a Consellería de Medio Ambiente. Tamén sinalou a necesaria aposta por “potenciar a gandería en ecolóxico e extensivas, poñéndolle freo ás denominadas “granxas sen terras”, granxas intensivas”.
Rede de plantas de biogás
Destacan ademais desde o SLG que do último encontro coa Consellería do Medio Rural a respecto das ZVN “o que quedou claro é o plan da Consellería para montar unha rede de plantas de biogás”, que para o SLG terá “outros efectos negativos ocasionados polo transporte, un incremento de custes das granxas, molestias e contaminación e o tratamento nestas plantas doutros residuos como lodos de depuradoras”.
Critican desde o sindicato que a Xunta “sabe desde 2022” que ten que aplicar esta normativa europea sobre nitratos, e critican que “o deixou para o último momento” xa que o prazo para a aplicación das ZVN remata o vindeiro 21 de maio. Mentres tanto, critica o SLG que a Consellería do Medio Rural “sigue a rebaixar as axudas ás explotacións” concedendo só un cento das 700 peticións de plans de mellora nas granxas na última convocatoria “mentres piden 250 millóns de euros para Altri ou colocan en Impulsa Galicia 146 millóns de euros para plantas de biogás”.
COMPARTIMOS VÍDEO DA CHARLA QUE HOUBO SOBRE ESTE TEMA O PASADO MARTES EN SANTISO







Comentarios