Troiteiros Río Furelos programa numerosas actividades ambientais e formativas para 2026
- Laura Moure

- hace 2 horas
- 2 Min. de lectura
Laura Moure/Melide
A Asociación de Troiteiros Río Furelos de Melide vén de presentar o seu programa de actividades para o ano 2026, no marco da renovación como entidade colaboradora de medio ambiente. O calendario inclúe iniciativas de conservación do río, competicións de pesca, accións educativas e actividades dirixidas á participación social.

Entre as actuacións previstas destacan os traballos continuos de mantemento do couto do río Furelos, que inclúen a reposición e conservación da sinalización, así como o coidado dos accesos e diferentes infraestruturas da zona, como pasales, pasarelas e a escala do río no Folicheiro.
En concreto, a asociación levará a cabo o mantemento dos pasales de Petos, Pasales de Pereiros e Pasales de Güillar, así como as Pasarelas de Vilamor, Gúillar e As Mazairas.
No ámbito deportivo, o calendario inclúe varias citas relacionadas coa pesca. O XXII Campionato de Pesca Terra de Melide celebrarase o 11 de abril, mentres que o Master Campións de Pesca a Mosca terá lugar o 2 de maio. Ademais, o 6 de xuño está programada unha xornada de pesca baixo a modalidade de captura e solta.
As accións ambientais tamén terán un papel destacado. O 29 de agosto e os días 5 e 12 de setembro desenvolveranse as XXII Xornadas de Limpeza do río Furelos e os seus afluentes, ás que se suman iniciativas como a campaña Proxecto Ríos de ADEGA, tanto en primavera como no outono, e a participación na limpeza simultánea de ríos promovida por esta entidade ecoloxista.
Publicidade
O programa inclúe tamén actividades formativas e divulgativas, como charlas e exposicións sobre medio ambiente nos centros educativos, así como talleres especializados de montaxe de mosca —os días 10, 17 e 24 de outubro— e de montaxe de culleriñas —7, 14 e 21 de novembro—.
Ademais, durante o verán desenvolveranse campamentos organizados pola Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, e o 1 de agosto celebrarase o tradicional Día do Socio, unha xornada de convivencia entre os membros da asociación.
PUBLICIDADE
Con este programa, a entidade busca continuar promovendo a conservación do ecosistema fluvial do Furelos, ao tempo que fomenta a práctica responsable da pesca e a implicación da veciñanza na protección do medio natural.








Comentarios