Estamos en época de máis racimos e menos racismos
- ecosdacomarca

- hace 8 horas
- 3 min de lectura
Ecos da Comarca/Xeral
Levamos xa varias semanas que non se fala doutra cousa e temos o tema de Ceuta presente na sopa a todas horas. O único positivo, se se pode dicir así, é que a estas alturas a maioría de nós xa non debería trabucarse ao sinalala no mapa. Hai apenas dous meses, se cadra máis dun sinalaba Melilla sen querer ao intentar situar a nosa fronteira sur, pero agora a xeografía quedounos ben clara a todos pola conta que nos trae. A verdade é que nun principio non tiña pensado falar sobre este tema porque xa hai moito ruído, pero en vista de que onte foi un día grande para a patria, e vin a tanta xente saíndo a fume de carozo a desempolvar as bandeiras, sentín que tiña que dicir algo ao respecto.

Dá a sensación de que todos corren a defender o xardín da casa con moito orgullo, pero logo ninguén parece ter interese en barrer a cociña. A que me refiro con isto? Pois a que a toda esa xente que onte berraba tanto e se poñía tan brava coas fronteiras, non a vexo eu saír á rúa con esa mesma forza para defender a nosa sanidade pública, nin para loitar por unha mellor educación ou polas estradas e vías que, mentres non sexan titularidade do Estado, parecen non importarlle a ninguén. Quizais o primeiro que deberiamos facer é intentar amañar o que temos dentro, o noso propio fogar e o que nos afecta no día a día, e logo, se acaso, proceder a intentar arranxar o resto do mundo ou as liñas dun mapa.
PUBLICIDADE
Non me malinterpretedes, non estou dicindo que estea de acordo co que está a pasar en Ceuta nin coa forma na que se están xestionando as cousas na fronteira. Pero o certo é que o que se vía onte nas redes sociais e en moitos comentarios nas rúas trouxome á memoria épocas bastante anteriores que, polo visto, non están tan superadas como todos pensabamos. Non deberiamos esquecer nunca que somos un país de emigrantes. Galicia sabe moi ben o que é iso, o que doe deixar a terra por necesidade. Non se sabe cando nos vai volver tocar a nós coller as maletas e marchar a buscar o pan lonxe da casa. Tocaría facer un exercicio de reflexión e pensar se nos gustaría que nos recibisen dese xeito no resto do mundo, porque esta xente que chega non vén precisamente de vacacións nin por gusto. De vez en cando, facer o esforzo de poñerse na pel do outro axudaría moito a manter a nosa propia humanidade.
PUBLICIDADE
Do malo ao bo un afaise rápido e sen moito esforzo, pero o verdadeiro problema é cando a vida nos golpea ao revés. Por iso, non deixemos nunca de ser humanos por moita política ou por moita ideoloxía que nos queiran meter na cabeza. E xa para rematar cunha dose de realidade práctica, agora que estamos en tempada de traballo no campo, en moitas adegas da nosa comunidade e tamén de fóra, están buscando man de obra desesperadamente para recoller os acios. E resulta moi curioso que sempre nos vén moi ben que esa xente á que moitos non respectan faga o traballo duro que outros moitos xa non queren facer por aquí. Pensemos un pouco máis nisto e quizais así berremos un pouco menos.








Comentarios