top of page

A Xunta analiza cos directores dos institutos de Lalín as opcións para seguir co impulso da FP no concello

O Goberno galego está a ampliar as instalacións do IES Ramón Mª Aller Ulloa precisamente para dotalo de máis espazos para os ciclos que imparte


Laura Moure/Lalín

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, reuniuse onte cos directores dos institutos Laxeiro, José Manuel López; e Ramón Mª Aller Ulloa, Juana María Mouriño, para analizar as opcións para seguir impulsando a Formación Profesional no concello. No encontro participou tamén o alcalde de Lalín, José Crespo, así como o equipo técnico.

Os institutos de Lalín contan con algo máis de 320 matriculados en 13 ciclos diferentes. Tal e como destacou o conselleiro, neste momento estase a executar a ampliación do IES Ramón Mª Aller Ulloa, por máis de 3,2 M€, precisamente para dotalo dun novo edificio de 2.164 m² que dará servizo aos ciclos da familia profesional de Informática e comunicacións, na que se centra a oferta do centro. A maiores, realizaranse intervencións puntuais nas edificacións existentes, como a apertura de xanelas e o acondicionamento dun almacén, entre outras. A obra está executada a arredor do 50%.


No caso do IES Laxeiro, acordáronse novas melloras para acondicionar os espazos dedicados a FP. Segundo explicaron os técnicos, as posibilidades de abrir máis zonas vense limitadas pola súa propia situación e falta de espazo na parcela que ocupa. Ademais, a natureza dalgúns dos ciclos que imparten –como os relacionados coa automoción, que precisan de grande maquinaria e equipamentos– esixen que os espazos dedicados a eles estean a nivel de rúa.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para obter máis información deste evento.
Preme na imaxe para obter máis información deste evento.

Así as cousas, todas as partes acordaron facer unha análise técnica das posibles solucións para, a medio prazo, dotar ao ensino público lalinense de espazos renovados para ampliar a oferta de FP do municipio de ser preciso e dar así máis oportunidades á mocidade. Cómpre lembrar que a matrícula de FP para este curso 2026/27 segue aberta ata o 25 de setembro para os ciclos que teñan aínda teñan prazas libres.


Preto de 7 M€ en Lalín

Cómpre destacar que a Xunta está a investir preto de 7M€ na mellora dos centros educativos de Lalín ao abeiro do Plan de nova arquitectura pedagóxica, posto en marcha en 2021, con actuacións tan salientables como a central de biomasa do Colexio CEIP Xesús Golmar (1,3M€), a rehabilitación integral do CEIP Xoaquín Loriga (661.000 €), ou a renovación de cuberta e fiestras do CEIP Plurilingüe Vicente Arias de la Maza (538.000€) e do CEIP Plurilingüe Varela Buxán (356.000€)

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para contactar connosco.
Preme na imaxe para contactar connosco.

No caso concreto do IES Laxeiro acometéronse obras de reforma da instalación contra incendios, de construción dun novo patio e de cambio de luminarias, entre outras, cun orzamento de arredor de 250.000€. Súmanse á ampliación realizada no centro en 2018, que contou cun investimento de preto de 1 M€. Ademais destas melloras nas súas infraestruturas a Xunta sumou no curso 2023/24 dous novos ciclos de FP Dual Intensiva á oferta do IES Laxeiro.

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page