top of page

Esixen en Lalín a reposición de coidadores en dous colexios e reclaman unha educación inclusiva real

Laura Moure/Lalín

Este xoves tivo lugar ás oito da tarde unha concentración na Praza da Igrexa de Lalín para esixir a reposición dos coidadores nos colexios de Vilatuxe e Cercio, porque na actualidade teñen un compartido, e esixen unha educación inclusiva real. Durante a concentración exhibíronse dúas pancartas, unha delas feita polo alumnado de Vilatuxe en apoio aos seus compañeiros que teñen necesidades específicas de apoio educativo.

Concentración hoxe en Lalín. Autor: Ecos da Comarca.
Concentración hoxe en Lalín. Autor: Ecos da Comarca.

Durante o acto Julia Bolaño, nai de Xoán, alumno do centro de Vilatuxe, leu o seguinte manifesto:


Manifesto pola Dignidade e a Inclusión:

O Dereito a ser Diferente, o Deber de ser Iguais

Ninguén te prepara para o momento no que descubres que o teu fillo ten necesidades especiais. É un proceso de loito, aceptación e reconstrución. Como pais, asumimos con amor o reto de ser o seu guía e a súa voz. Poñemos toda a nosa alma e esforzo en axudalo a mellorar, pero nese camiño, a dor máis profunda non vén da condición do neno, senón da indiferencia dunha administración que o trata como un número e non como un ser humano con dereitos.


No medio deste deserto de recursos, queremos facer un alto para agradecer profundamente ao CEIP Arias de la Maza e CEIP Varela Buxán. Ao seu profesorado, que día a día amosa unha vocación que vai moito máis alá do seu deber profesional. Grazas por exercer funcións que non vos corresponden, por suplir co voso esforzo persoal a falta de medios que a Consellería se nega a enviar, e por non deixar caer aos nosos fillos a pesar de que o sistema vos deixa sós. Vós sodes o exemplo de que a educación é, ante todo, humanidade.

 PUBLICIDADE

Se queres obter máis información do evento preme na imaxe.
Se queres obter máis información do evento preme na imaxe.

Tamén o noso agradecemento infinito aos ANPA e a todas as nais e pais que se envorcaron na recollida de sinaturas. A vosa solidariedade é o motor que nos mantén en pé. Grazas por entender que esta loita non é só polas nosas familias, senón pola dignidade de toda a comunidade escolar.


Os nosos fillos non están sós nesta batalla. Este manifesto é tamén por tódolos nenos e nenas de Galicia que, dende Tui ata Ribadeo, están a pasar polo mesmo. Nenos que agardan por un apoio que non chega, que ven reducidas as súas horas de PT ou AL, e que son vítimas dunha política de recortes que os condena á exclusión. Alzamos a voz por toda esa familia que hoxe senten o mesmo desamparo e rabia ante as portas pechadas da Consellería.


Resulta intolerable que, mentres as familias e os colexios nos baleiramos para que os nenos avancen, a Consellería de Educación faga oídos xordos. É unha violencia institucional que nos obriga a loitar polo que por lei xa nos pertence. Unha administración que non dota de recursos aos seus centros é unha administración que fracasa no seu deber máis básico: protexer o futuro da infancia.

 PUBLICIDADE

Preme para obter máis información.
Preme para obter máis información.

Esiximos:

  • Dotación inmediata de recursos: Especialistas suficientes (PT, AL e coidadores) para o CEIP Arias de la Maza, Varela Buxán e todos os centros de Galicia.

  • Respecto á labor docente: Que o profesorado non teña que facer o traballo que a Consellería non cobre.

  • Que a inclusión deixe de ser propaganda e se converta en feitos.


Os nosos fillos son especiais polo que nos ensinan cada día, pero o seu dereito a unha educación digna é exactamente igual ao de calquera outro neno. Non imos permitir que a desidia dos despachos apague o seu potencial. Seguiremos loitando por eles e por todos os que virán detrás.


EDUCACIÓN INCLUSIVA REAL NON É UN PRIVILEXIO, É UN DEREITO.


NOTICIA RELACIONADA:

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page