top of page

Esixen a Augas de Galicia que dea acceso a Ulloa Viva ao expediente de tramitación de Altri

hace 3 horas
3 min de lectura

A Plataforma convida ao novo conselleiro de Medio Ambiente a “mudar a actitude escurantista e déspota da súa predecesora”


Ecos da Comarca/A Ulloa

A Plataforma Ulloa Viva acaba de recibir unha resposta da Comisión de Transparencia de Galicia sobre unha reclamación presentada o pasado mes de xuño contra o silencio reiterado de Augas de Galicia a respecto do acceso de Ulloa Viva ao expediente de tramitación en Augas de Galicia da captación de 46 millóns de litros de auga diarios durante 75 anos pedida por Altri para o seu proxecto da macrocelulosa en Palas de Rei. A Comisión de Transparencia acordou “estimar a reclamación presentada por Plataforma Ulloa Viva contra a desestimación por silencio administativo de tres solicitudes de acceso a

información pública presentadas ante Augas de Galicia con datas do 15.4.2025,

27.5.2025 e 27.11.2025”.

Marta Gontá, voceira da Plataforma Ulloa Viva.
Marta Gontá, voceira da Plataforma Ulloa Viva.

No escrito, Transparencia comunica a Ulloa Viva o acordo de “instar a Augas de Galicia a que, no prazo máximo de 10 días hábiles, resolva a solicitude de acceso á información pública presentada polo reclamante, respectando as previsións dos artigos 14 e seguintes da Lei de Transparencia, acceso á información pública e bo goberno (LTAIP), e do artigo 22 da mesma lei no que atinxe á formalización do acceso”. Ademais Transparencia dá un prazo de 15 días a Augas de Galicia para que “remita a esta Comisión da Transparencia unha copia da resolución notificada á persoa reclamante”.


Esta resposta da Comisión de Transparencia é “un tirón de orellas” á Xunta e a Augas de Galicia, valora a voceira de Ulloa Viva Marta Gontá, que lembra que na resolución Transparencia “recoñece o noso dereito á información como cidadáns e emita esta resolución exixindo á Xunta de Galicia que cumpra a lei”. Ulloa Viva lembra que logo de pedir en abril de 2025 a documentación un ano e seis meses máis tarde -o pasado 23 de outubro- “requeriunos especificar a que parte do expediente queríamos ter acceso, cando é evidente que queremos ter acceso completo só co fin de obstaculizarnos o acceso a dita información, por que?. Por que a Xunta se nega en que as veciñas teñamos toda a información, é o trato que nos merecemos dos nosos gobernantes?”, cuestiona Gontá.

 PUBLICIDADE

Ulloa Viva considera “cando menos curioso” que cinco días despois desta nova dilación sexa agora a Comisión de Transparencia a que “nos dea a razón, recoñeza os nosos dereitos e exixa á Xunta e Augas de Galicia que cumpran coa legalidade”.


Reclamamos “transparencia e empatía” da Xunta

Desde a Plataforma Ulloa Viva agardan que “logo deste ultimato da Comisión de Transparencia, por fin teñamos a resposta de Augas de Galicia á que temos dereito por lei”. Logo da mudanza na Consellería de Medio Ambiente, co cambio da súa anterior titular, Ánxeles Vázquez polo novo conselleiro Nicolás Vázquez, a Plataforma Ulloa Viva agarda “transparencia e un novo talante na consellería de Medio Ambiente”. Marta Gontá sinala que desde Ulloa Viva “entendemos que o novo conselleiro non quererá empezar o seu mandato fóra da lei”, e afirma que “agardamos do novo conselleiro máis comprensión e empatía da que recibimos ata o de agora sendo conselleira Ánxeles Vázquez”.


Ulloa Viva considera que con esta resolución de Transparencia de Galicia, o novo conselleiro de Medio Ambiente -competente sobre Augas de Galicia- quen debe dar orde inmediata para que se cumpra a resolución á demanda da Plataforma “e teñamos canto antes o acceso a todo o expediente que Augas de Galicia leva anos tramitando para Altri e ocultando á veciñanza”.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para contactar connosco.
Preme na imaxe para contactar connosco.

A Plataforma “non entendería do novo conselleiro outra forma de proceder máis que cumprir coa legalidade e as recomendacións deste órgano de Transparencia, creado pola propia Xunta de Galicia”. Ulloa Viva agarda do novo conselleiro de Medio Ambiente que “mude a actitude escurantista e déspota da súa predecesora no cargo”.


Ulloa Viva, que ten abertas varias peticións de información diante da Xunta de Galicia sobre a tramitación de Altri, destaca que “estamos a padecer as mesmas trabas e dilacións” no acceso ao expediente completo do proxecto Gama. “Temos diante un goberno na Xunta que leva meses dilatando e impedindo que teñamos acceso a toda a información”, sinala a Plataforma. A veciñanza “queremos coñecer todos os pasos que o noso goberno levou a cabo nesta tramitación, e sabemos que temos dereito e unha lei que nos ampara, así que seguiremos até o final para poñer luz e taquígrafos sobre o proxecto para que sexa denegado e enterrado dunha vez por todas”.

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

​

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page