Silleda realizará unha nova campaña de recollida de plásticos agrícolas e de invernadoiros en novembro
As explotacións interesadas en utilizar este servizo gratuíto deberán solicitar a recollida chamando ao 900 909 744
Laura Moure/Silleda
O Concello de Silleda pon en marcha unha nova campaña de recollida de plásticos agrícolas e de invernadoiros, que se desenvolverá durante a semana do 16 ao 20 de novembro en distintos puntos do municipio. Esta iniciativa, organizada polo Concello a través do servizo Silleda Sostible, permite ás explotacións agrícolas e gandeiras do municipio desfacerse destes residuos dun xeito gratuíto, cómodo e respectuoso co medio ambiente, facilitando a súa correcta xestión e posterior reciclaxe.

As persoas interesadas en beneficiarse deste servizo de recollida porta a porta deberán solicitalo previamente chamando ao teléfono gratuíto 900 909 744, de luns a venres, en horario de 9:00 a 13:00 horas. No momento de realizar a solicitude deberán facilitar o seu nome, enderezo, número de teléfono de contacto e a localización exacta na que se atopan os plásticos que se van retirar.
PUBLICIDADE
Condicións para a recollida
Dende o Concello lémbrase a importancia de preparar correctamente os residuos para facilitar os traballos de retirada e garantir o seu posterior tratamento. Así, só se recollerán plásticos de uso agrícola e de invernadoiros, que deberán estar o máis limpos posible e libres doutros materiais impropios, como garrafas, fíos de empacar, rodas ou tubaxes de PVC.
Tamén se recomenda evitar a introdución dos plásticos en sacas tipo big-bag, xa que dificultan o proceso de reciclaxe. Os fardos deberán depositarse nun lugar accesible para os vehículos encargados da recollida, libre de obstáculos como árbores, maquinaria ou outros elementos que poidan dificultar a súa retirada.
Compromiso co medio ambiente e co sector primario
Esta campaña dá continuidade a un servizo que o Concello de Silleda vén desenvolvendo dende hai anos, habitualmente con dúas quendas anuais, na primavera e no outono, e que conta cunha boa acollida por parte das explotacións do municipio.
PUBLICIDADE
Dende o goberno municipal destácase a importancia de manter este tipo de iniciativas, que contribúen a evitar a acumulación e o abandono de residuos plásticos no medio rural, ao tempo que ofrecen unha solución práctica e gratuíta ás persoas que traballan no sector primario.
O Concello anima ás explotacións agrícolas e gandeiras a participar nesta nova campaña, lembrando que a colaboración das persoas usuarias e a correcta preparación dos materiais son fundamentais para garantir a eficacia do servizo.









Comentarios