Lalín actualiza e amplía a exposición permanente do Museo Ramón María Aller
Esta actuación reforza o Museo como equipamento cultural, científico e educativo dereferencia, incrementando o seu valor como espazo de divulgación da historia da ciencia e do patrimonio cultural galego
Laura Moure/Lalín
A concelleira de Cultura e Turismo de Lalín, Begoña Blanco, informa de que o Concello vén de dar por rematados os traballos de actualización e mellora da exposición permanente do Museo Municipal Ramón María Aller, executados cun investimento de 10.000 euros, ao abeiro dunha subvención da Xunta de Galicia destinada a centros museísticos que cubriu o 80 % do orzamento do proxecto.
“Con esta intervención damos por acadados os obxectivos de modernizar o discurso expositivo do centro, ampliar os seus contidos e ofrecer unha experiencia máis completa, accesible e enriquecedora ás persoas que o visitan”, sinala Begoña Blanco.

“A ampliación e reorganización do percorrido expositivo permite presentar os contidos dun xeito máis claro, atractivo e pedagóxico, facilitando a comprensión do legado científico e histórico de Ramón María Aller e da tradición investigadora de Lalín e Galicia”, explica.
Blanco subliña que “ademais, con esta actuación damos resposta a novas demandas dos visitantes e ás tendencias actuais no ámbito da divulgación cultural, incorporando recursos que favorecen unha aproximación máis dinámica, visual e participativa ao patrimonio que custodia o Museo”.
Novas vitrinas e ampliación dos contidos científicos
Entre as principais actuacións destaca a instalación de novas vitrinas museográficas dotadas de iluminación LED, dedicadas especificamente á figura e aos obxectos persoais de don Ramón María Aller.
Esta intervención permite ampliar o espazo expositivo dedicado ao ilustre astrónomo lalinense, incorporando novos fondos da colección propia e información complementaria sobre a súa vida, actividade científica e legado. A actuación tamén inclúe a actualización de contidos informativos do Observatorio facilitando unha mellor comprensión da súa relevancia histórica e científica. Os textos explicativos foron elaborados co asesoramento científico do profesor José Ángel Docobo, garantindo o rigor e a calidade dos contidos divulgativos.
Así mesmo, incorporouse un novo panel museográfico dedicado á tradición científica de Lalín e Galicia, que contextualiza a relevancia de figuras fundamentais como José Rodríguez González, o Matemático de Bermés; Domingo Fontán (autor da Carta Xeométrica de Galicia e discípulo de José Rodríguez), o propio Ramón María Aller; e algúns dos seus discípulos.
Neste ámbito, aprovéitase tamén a presenza no Museo dun mapa de Domingo Fontán para explicar a aplicación dos coñecementos matemáticos á representación e ao estudo do territorio galego, poñendo de manifesto a relación entre os avances da ciencia e o coñecemento xeográfico de Galicia.
Este novo recurso permite ofrecer unha visión máis ampla da contribución galega ao desenvolvemento científico, destacando a importancia de Lalín como berce de personalidades de referencia neste ámbito.
Esta renovación responde tamén ao carácter vivo e dinámico da colección permanente do Museo, que evoluciona coa incorporación de novos fondos, as doazóns, os avances na investigación e os acontecementos científicos de especial relevancia, como a eclipse total de Sol deste 2026, que constitúe unha oportunidade para actualizar e contextualizar os contidos relacionados coa astronomía e achegar esta disciplina ao público.
PUBLICIDADE
Neste sentido, as novas instalacións museográficas permiten mellorar as condicións de conservación e presentación das pezas, actualizar os contidos e reforzar o papel do Museo Ramón María Aller como referente na divulgación do patrimonio científico, histórico e cultural de Lalín e Galicia.
Novos materiais divulgativos e recursos audiovisuais
Os traballos tamén incluíron a elaboración e actualización de dípticos informativos e follas de sala, atendendo así unha das solicitudes máis habituais das persoas que visitan o Museo.
Estes materiais impresos facilitan o seguimento autónomo do percorrido expositivo e permiten que os visitantes poidan conservar información sobre os principais contidos históricos e científicos do centro.
Outra das novidades é a creación de cápsulas audiovisuais breves, concibidas para achegar conceptos científicos e históricos dunha maneira sinxela, áxil e visual.
Estes recursos complementan os textos expositivos e favorecen unha experiencia máis dinámica e accesible, adaptada ás novas formas de consumo cultural. Ao mesmo tempo, permitirán reforzar a difusión dos contidos do museo a través das redes sociais, contribuíndo a dar a coñecer os seus fondos e a incentivar novas visitas.
A renovación completa o percorrido con paneis adaptado á lectura fácil, códigos QR para ampliar información dispoñible, favorecendo unha mellor accesibilidade e facilitando que públicos con distintas necesidades e intereses poidan achegarse aos contidos do Museo.
Un museo máis moderno, accesible e atractivo
A concelleira de Cultura e Turismo, Begoña Blanco, destaca que esta actuación supón un novo paso na posta en valor do Museo Municipal Ramón María Aller, reforzando o seu papel como espazo de referencia para a divulgación científica, a conservación do patrimonio e a difusión da historia local.
A renovación permítenos contar cun Museo máis completo, accesible e atractivo, no que os visitantes poden coñecer mellor non só a figura de Ramón María Aller, senón tamén a importante tradición científica vinculada a Lalín e a súa contribución á historia da ciencia en Galicia”, sinala a concelleira.
PUBLICIDADE
A execución deste proxecto permitiu renovar o discurso museográfico, dotándoo dunha estrutura máis clara, coherente e didáctica; ampliar a presenza e visibilidade de Ramón María Aller; incorporar novos fondos da colección permanente; mellorar as condicións de exposición e conservación das pezas; e introducir recursos gráficos, documentais e audiovisuais que enriquecen o percorrido.
Do mesmo xeito, as melloras na accesibilidade lingüística e cognitiva e a incorporación de materiais adaptados a diferentes públicos contribúen a reforzar a función educativa e divulgativa do Museo e a calidade do servizo público que presta.
Con esta intervención, o Concello de Lalín continúa apostando pola modernización dos seus equipamentos culturais e pola promoción do legado de Ramón María Aller, unha das figuras máis destacadas da historia científica galega, ao tempo que pon en valor a tradición investigadora do municipio e facilita o achegamento da cidadanía ao patrimonio científico, histórico e cultural de Galicia.









Comentarios