Erea Rey será a candidata á Alcaldía do BNG de Silleda
- ecosdacomarca

- hace 56 minutos
- 2 min de lectura
O Bloque pretende abrir unha nova etapa "con ambición, diálogo e proxecto"
Ecos da Comarca/Silleda
O BNG de Silleda presentou este sábado publicamente a Erea Rey Presas como candidata á alcaldía nas eleccións municipais do vindeiro ano, nun acto que contou coa participación do concelleiro Xerardo Díaz Casal, a deputada no Parlamento galego Ariadna Fernández e a alcaldesa de Tomiño, Sandra González.

Na súa intervención inicial, Xerardo destacou que a formación nacionalista decidiu “non perder nin un minuto” e comezar desde xa a traballar para ofrecerlle á veciñanza “o cambio que quere e que precisa”, apelando á “sensación crecente en todo Silleda de
que é necesario abrir unha nova etapa, con máis ambición, máis diálogo e un proxecto
claro de futuro”.
A deputada Ariadna Fernández enmarcou a candidatura de Erea Rey na continuidade dun traballo colectivo desenvolvido durante anos, sinalando que “Erea colle o testemuño de maneira exemplar” co obxectivo de levar o BNG á alcaldía e construír un concello que dea resposta ás necesidades de toda a veciñanza.
PUBLICIDADE
Pola súa banda, a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, puxo en valor a experiencia de goberno do BNG nos concellos, asegurando que “é posible construír unha alternativa sólida, cercana e transformadora” e destacando que o equipo de Silleda representa “ese
espírito de proximidade, compromiso e traballo constante coa veciñanza”.
No peche do acto, Erea Rey reivindicou o traballo realizado polo BNG nos últimos anos e deu un paso adiante como candidata: “levamos tres anos traballando por unha Silleda chea de vida: unha Silleda onde a xente nova poida quedar, onde haxa servizos no rural
e onde se goberne con transparencia e diálogo”.
A candidata subliñou que a súa proposta non responde a un liderado individual, senón ao esforzo colectivo: “non fala unha cara nova, fala o traballo dun equipo comprometido durante estes anos”.
Rey contrapuxo con claridade dous modelos de concello: “20 anos de goberno do PSOE en Silleda fronte a 20 anos de goberno do BNG en Tomiño. Alí hai proxecto, transformación e diálogo. Aquí seguimos sen orzamentos, sen planificación e cun goberno que non escoita”, evidenciando a necesidade dunha alternativa política no municipio.
PUBLICIDADE
A nacionalista defendeu que “Silleda merece moito máis: un proxecto, ilusión e un goberno que conte con toda a súa xente”, e deixou claro o compromiso da súa candidatura: “non vimos a administrar a rutina, vimos a cambiar as cousas, a poñer Silleda en marcha e a poñer á xente no centro”.
Como peche, Erea Rey lanzou unha mensaxe directa de cara ao ciclo electoral que se abre: “Silleda quere cambio. E o cambio é o BNG.”








Comentarios