Erea Rey esixe explicacións ao goberno de Silleda pola nova reparación dos vestiarios de Outeiriño
O BNG considera "inadmisible ter que actuar de novo nunha obra executada hai apenas dous anos e medio" e pide ao Goberno “menos retranca, máis explicacións e máis respecto”
Ecos da Comarca/Silleda
O BNG de Silleda respondeu ás declaracións do Goberno municipal sobre as instalacións deportivas e considera "especialmente grave que o executivo aproveite a súa resposta para anunciar, en ton irónico, a renovación do chan dos vestiarios do campo de fútbol de Outeiriño, actuación que o propio Goberno asegura que realizará nas vindeiras semanas".
Segundo denuncia o BNG, o chan que agora se anuncia que será renovado forma parte dunha obra executada e entregada hai apenas dous anos e medio. Para a portavoz
nacionalista, Erea Rey, “se unha obra tan recente necesita xa unha nova intervención, aquí non hai nada sobre o que facer retranca. O Goberno ten que explicar que pasou, canto vai custar arranxalo e quen vai asumir as responsabilidades”.

Desde o BNG reclaman que se determine a causa do deterioro e, se existen deficiencias na execución da obra, que se esixan á empresa as responsabilidades que correspondan. “Os cartos públicos son de todos e hai que coidalos. Non é aceptable facer unha obra e, pouco tempo despois, ter que volver gastar cartos públicos para reparar o mesmo”, sinala Rey.
A portavoz nacionalista reclama tamén explicacións e responsabilidades políticas á alcaldesa e á concelleira de Deportes. “En lugar de preocuparse por facer oposición ao BNG desde o Goberno, debería caerlles a cara de vergonza por ter que volver actuar nunha obra feita hai apenas dous anos e medio. Isto non é para facer bromas nin sacar peito, é para dar explicacións á veciñanza”, afirma.
PUBLICIDADE
“O César Fares necesita unha reforma integral, non máis parches”
En relación co Pavillón César Fares, o BNG celebra que o Goberno anuncie unha actuación sobre a pista, pero lembra que a proposta dos nacionalistas vai moito máis alá da renovación do parqué. O executivo asegura que está traballando nesta actuación desde a publicación do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas da Deputación
de Pontevedra. “Arranxar a pista é necesario e alegrámonos de que se faga, pero renovar o parqué non é facer unha reforma integral do César Fares”, advirte Rey.
O BNG propón un proxecto global que, ademais da pista, aborde o illamento do edificio, a climatización e ventilación e outras melloras que aumenten a súa funcionalidade, como a ampliación do espazo destinado ás gradas. “O César Fares leva anos acumulando necesidades. Silleda non precisa máis parches nin actuacións illadas, senón planificación e unha reforma ambiciosa á altura dunha das principais instalacións deportivas do municipio”, engade.
Erea Rey pide “mesura e respecto” ao Goberno
Finalmente, o BNG lamenta o ton empregado polo executivo ao cualificar como un “tour” a visita realizada por Erea Rey e Xerardo Díaz ás instalacións deportivas, expresión empregada polo propio Goberno na súa resposta.
PUBLICIDADE
Os nacionalistas aclaran que a visita se realizou coas instalacións abertas e sen interromper ningunha actividade. “As instalacións municipais son públicas, son patrimonio da veciñanza e non propiedade exclusiva do Goberno. Despois de tantos anos gobernando, semella que algúns confunden unha cousa coa outra”, afirma Rey.
A portavoz lembra que tanto ela como Xerardo Díaz son representantes da veciñanza e reclama “mesura e respecto institucional”: “Temos o mesmo dereito que os membros do Goberno a coñecer o estado das instalacións municipais e falar cos seus usuarios. Fiscalizar ao Goberno non é facer un ‘tour’, é facer o traballo para o que a veciñanza nos elixiu”, conclúe.









Comentarios