Equina Galicia 2025 reunirá competición, espectáculo e aprendizaxe do 11 ao 13 de xullo en Silleda
- Laura Moure
- hace 10 horas
- 3 Min. de lectura
Terá como eixo principal o XI Campionato de España Pura Raza Española-ANCCE de Galicia
Laura Moure/Silleda
Equina Galicia celebrará a súa undécima edición do 11 ao 13 de xullo no recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA (Silleda, Pontevedra). Unha cita da que onte detallaron a súa programación Manuel Benavides, presidente da entidade organizadora, a Asociación de Criadores de Cabalos Españois de Galicia (ACCEGA), e Ricardo Durán, director da Fundación Semana Verde de Galicia, colaboradora do evento.
Equina 2025 acollerá seis destacadas competicións, ademais doutras propostas con gran atractivo, conformando unha importante cita no mundo do cabalo que para Manuel Benavides tamén o é para a comarca desde o punto de vista económico, polo gran número de participantes, a súa procedencia e a súa longa estancia. Algo que, sinala, prodúcelle gran satisfacción, por poder “devolver á comarca parte do compromiso,
agarimo e atención que esta lle ten dado a Equina”. Un evento que Ricardo Durán está “encantado” de acoller de novo nas instalacións da Feira Internacional de Galicia ABANCA e do que destaca o seu crecemento “en calidade ano a ano”, á vez que pon
en valor o escenario principal das súas actividades, o ring verde do recinto. Sobre el
sinala o seu completo equipamento, que inclúe bancadas cubertas, amplas cortes para
cabalos e pista de quecemento, entre outros servizos.

Equina terá como eixo principal o XI Campionato de España Pura Raza Española-ANCCE de Galicia, o cal volveu a conseguir para esta edición a categoría tres estrelas. Así, por cuarto ano consecutivo a Real Asociación Nacional de Criadores de Cabalos de Pura Raza Española (ANCCE) concedeulle o máximo nivel neste tipo de competicións, o cal supón un gran atractivo para a participación das mellores ganderías nacionais e tamén doutros países. De modo que, se ben aínda se pecharon onte as inscricións, están confirmados xa participantes de toda España e tamén de Italia, Francia, Bélxica, México ou Costa Rica.
Un nivel nos participantes que cada vez é maior e que supuxo que nesta edición se empecen a recibir exemplares xa o mércores previo ao comezo do concurso, para que,
como indica Benavides, “podan descansar máis antes de comezar a competición” e estean en “mellores condicións” para responder á esixencia do concurso”.
Esta proba, que se levará a cabo durante os tres días de Equina, será clasificatoria
para a final do Campionato do Mundo, a cal se celebrará en Sevilla do 18 ao 23 de
novembro, no marco do Salón Internacional de Pura Raza Española (SICAB).
Publicidade
Doma, enganches e equitación de traballo
Ademais do concurso morfofuncional, Equina 2025 contará con outras cinco competicións. Tres delas son xa citas consolidadas no calendario nacional de doma,
sendo a XXVI Copa Accega, o Territorial da Federación Hípica Galega e o VII Trofeo
Xunta de Galicia – Medio Rural de Doma Clásica, as cales suman en cada edición o
dobre de binomios que en calquera outro evento de doma en Galicia.
As dúas competicións restantes corresponderanse cunha das probas do Campionato
Galego de Enganches e coa II Proba da Federación de Equitación de Traballo. Esta
última dá este ano un salto cualitativo e pasa a contar con categoría nacional, con
participantes de todo o territorio nacional e tamén de Portugal.
Sumarase unha conferencia que, por primeira vez, incluirá unha mesa redonda
posterior na que intervirán destacados nomes do mundo do cabalo e que se titulará “O
cabalo, proxección deportiva e condicións de traballo na biodiversidade das ganderías”.
Por outra banda, recuperarase o bautismo hípico, pensado especialmente para os
nenos das comarcas de Deza e Tabeirós -Terra de Montes co obxectivo de fomentar a
equitación como deporte, e tamén para persoas con discapacidade ou alteracións
intelectuais e motoras, para as cales o contacto con estes animais supón melloras
cognitivas, físicas e emocionais. Nesta actividade, con cabalos cun adestramento
especial para ambos os obxectivos e que será conducida polo Club Hípico Amazonas
(Ponte Caldelas), outorgaranse diplomas e medallas aos participantes.
Publicidade
Ademais, a entrega de premios do domingo estará amenizada pola agrupación
Gaiteiros da Pereiriña, da parroquia silledense de Ansemil-Martixe.
Todo iso nunha completa edición de Equina cuxa entrada será gratuíta e que contará
co apoio de distintas consellerías da Xunta de Galicia, fundación Deporte Galego,
Deputación de Pontevedra, Concello de Silleda, distintas adegas das denominacións de orixe Ribeira Sacra e Rías Baixas, a firma de alimentación ecuestre Pavo e a empresa silledense de alimentación animal Nudesa, ademais da colaboración da Fundación Semana Verde de Galicia.
Comments