Ecos da Comarca/Silleda
Un camión de transporte de polos envorcou hoxe na N-640 á altura de Silleda provocando o corte dun carril, tal e como informa o 112 Galicia.
O condutor do vehículo, que non resultou ferido, puido saír da cabina coa axuda de particulares que acudiron a auxilialo. Aínda que os animais que transportaba non chegaron a saír, o accidente provocou unha vertedura de combustible e aceite que requiriu da intervención dos Bombeiros deDeza.
Minutos despois das 6 horas, un particular chamou ao 112 Galicia para informar dun camión envorcado no quilómetro 186 da N-640. O vehículo ocupaba o carril dereito e o camioneiro, aínda que con dificultades nun primeiro momento, xa se atopaba no exterior.
Ás 8 horas desta mañá, un carril continuaba cortado á espera de que o camión fose retirado e quedasen restablecidas as condicións óptimas de circulación.
Neste operativo, ademais dos Bombeiros do Deza, participaron a Garda Civil de Tráfico e os servizos de mantemento da estrada.
留言