Elas e Eles urxe a prohibición da aplicación de xurros e dixestatos xestionados industrialmente
- ecosdacomarca

- 12 oct
- 2 Min. de lectura
Sinala que hai alto risco de contaminación cruzada do virus da DNC
Ecos da Comarca/Xeral
A Asociación de Gandeiros e Gandeiras Elas Eles (AGG-EE) presentou este venres unha demanda oficial ante as Consellerías do Medio Rural e de Medio Ambiente e Cambio Climático, esixindo medidas drásticas para evitar a dispersión da Dermatose Nodular Contaxiosa (DNC).
O eixo central da solicitude é a prohibición temporal da aplicación de xurros (puríns) e dixestatos xestionados por xestores de residuos que non garantan a desinfección total, debido ao alto risco de contaminación cruzada e ao baleiro de control xerado pola división de competencias.

Risco Incontrolado nas "Industrias" de Xestión
A AGG-EE alerta de que o virus da DNC (VDNC) é un patóxeno de alta estabilidade, capaz de sobrevivir no xurro durante longos períodos, especialmente se non se aplica o tratamento térmico axeitado. "O problema é sistémico", sinala a asociación. "O xurro de gando en risco é material de Categoría 2, que legalmente require unha transformación rigorosa. Pero moitas plantas de biogás, ao seren catalogadas como industrias, están primariamente baixo a supervisión de Medio Ambiente. A Consellería do Medio Rural, competente en Sanidade Animal, queda excluída da verificación directa e continua dos Puntos Críticos de Control (PCCs)".
Esta descoordinación, unida á mestura habitual de material de distintas categorías (contaminación cruzada), fai que un fallo no proceso térmico nunha planta industrial poida converter un gran volume de dixestato nun vector de alto risco, poñendo en perigo toda a cabana gandeira galega.
Solicitudes Urxentes Baseadas no Principio de Precaución
En aplicación do Principio de Precaución (Lei de Sanidade Animal), ELAS@ELES esixe ás Consellerías que actúen conxuntamente e de forma inmediata:
PROHIBICIÓN TEMPORAL DE APLICACIÓN: Que se impoña a prohibición temporal e estrita da aplicación agrícola de xurros ou dixestatos de orixe bovina se o xestor non achega certificación inequivoca e auditada de que o material superou o perfil térmico virucida ( min).
Protocolo Conxunto de Inspección: A creación dun protocolo de auditoría conxunta e específico entre Medio Rural e Medio Ambiente para verificar o cumprimento dos PCCs sanitarios en todas as plantas de biogás que manexan SANDACH de Categoría 2.
Publicidade
Reforzo da Trazabilidade en Orixe: Intensificar as inspeccións nos matadoiros e nas explotacións para garantir a segregación total do material de alto risco, evitando que entre na cadea de valorización sen a correcta etiquetaxe e tratamento.
Elas@Eles apela á responsabilidade política para que se antepoña a bioseguridade da gandería á complexidade administrativa, evitando un colapso económico inxustificado para o sector.







Comentarios