top of page

Elas e Eles pide o amparo da Valedora do Pobo ante "a invasión descontrolada" de plantas de biogás

Ademais, o colectivo gandeiro esixe unha moratoria destas plantas industriais


Ecos da Comarca/Xeral

A Asociación Elas e Eles pide o amparo da Valedora do Pobo ante "a invasión descontrolada de plantas de biogás industriais. Ademais, esixe unha moratoria.


O colectivo gandeiro denuncia que a Xunta está a autorizar "a importación masiva de residuos externos (lodos e SANDACH) para ser vertidos no rural galego sen garantías sanitarias nin control de olores". Alertan dunha "indefensión total" da veciñanza pola falta dunha Lei de Olores e polo uso da figura dos PIE para anular a capacidade de decisión dos concellos. "Obrigarnos a vivir respirando aire tóxico dentro das nosas casas é un trato degradante que vulnera a Constitución", sinalan no seu escrito.

Charla informativa sobre as plantas de biometano o pasado 27 de decembro en Agolada.
Charla informativa sobre as plantas de biometano o pasado 27 de decembro en Agolada.

A Asociación de Gandeiras e Gandeiros Galegos "Elas e Eles" rexistrou unha queixa formal e petición de amparo ante a institución da Valedora do Pobo, solicitando a súa intervención urxente fronte á proliferación de proxectos industriais de biometano que ameazan o modo de vida e a saúde no medio rural galego. Desde a asociación queren deixar claro que "non estamos en contra das enerxías renovables, pero si deste modelo industrial e especulativo" que se afasta dos estándares europeos". E explica que "mentres en Europa as plantas de biogás intégranse nas granxas para xestionar os propios residuos, en Galicia estase a implantar un modelo de macroplantas centralizadas deseñadas para importar grandes cantidades de residuos orgánicos de alto impacto (lodos de depuradora, residuos industriais e cárnicos) que nada teñen que ver coa actividade agraria tradicional. Un "cóctel tóxico" agravado polo clima e a dispersión galega.


No escrito presentado á Valedora, "Elas e Eles" achega argumentos técnicos e xurídicos que demostran por que a normativa actual é insuficiente para Galicia. "Aplicar distancias de seguridade pensadas para a meseta nun territorio como o noso, coa poboación totalmente dispersa, é unha temeridade", afirman.A asociación alerta do efecto multiplicador do clima galego: "Os nosos vales, as frecuentes inversións térmicas e a alta humidade actúan como unha tapadeira que impide que os gases se dispersen. Isto, sumado á falta de medicións oficiais de olores, condena aos veciños a vivir atrapados nunha atmosfera insalubre dentro das súas propias casas".

 Publicidade

Preme na imaxe para obter máis información.
Preme na imaxe para obter máis información.

Vulneración de Dereitos Fundamentais

A denuncia dá un paso máis alá do administrativo e invoca a Doutrina do Tribunal Europeo de Dereitos Humanos (Caso López Ostra), argumentando que a inmisión constante de malos olores (amoníaco, sulfhídrico) vulnera dereitos recollidos na Constitución Española:Inviolabilidade do domicilio (Art. 18.2): Cando o olor impide a vida normal na casa. Integridade física e moral (Art. 15): Consideran que someter á poboación a vivir entre refugallos é un "trato degradante".


A trampa dos PIE: Concellos atados de pés e mans

"Elas e Eles" tamén denuncia ante a Valedora o uso sistemático da declaración de Proxectos Industriais Estratéxicos (PIE) ao abeiro da Lei 9/2021 de simplificación administrativa. "Esta figura é un 'rodete' que permite á Xunta pasar por riba dos Plans Xerais de Ordenación Municipal (PXOM), quitándolle aos concellos e aos veciños a capacidade de decidir sobre o seu propio territorio e reducindo á metade os prazos para alegar, xerando unha indefensión institucional inaceptable".

Publicidade

Preme para contactar con nós e pregunta polas tarifas que son unha bicoca!
Preme para contactar con nós e pregunta polas tarifas que son unha bicoca!

Peticións concretas:

Moratoria e Lei de Olores. Por todo isto, a asociación solicita á Valedora do Pobo que emita unha recomendación urxente á Xunta de Galicia para:

  • Declarar unha MORATORIA INMEDIATA na autorización de novas plantas industriais de biogás e nos plans de vertido de dixestatos exóxenos.

  • Elaborar unha Lei Galega de Contaminación Odorífera que estableza, por primeira vez, límites obxectivos de inmisión medidos en Unidades de Olor ($ou_E/m^3$), tal e como esixen as normativas técnicas máis avanzadas (UNE-EN 13725), para acabar coa subxectividade que hoxe deixa indefensos aos afectados."O rural galego non pode ser a zona de sacrificio para os residuos que ninguén quere, a cambio de gas para a industria. Esiximos respecto, saúde e legalidade", conclúen desde a asociación.



Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page