Do 8 ao 11 de xullo desenvolverase en Lalín o XX Curso de Verán de Igualdade
- Laura Moure
- hace 8 horas
- 3 Min. de lectura
Poderán asistir, ademais da vintena de matriculados/as, todas as persoas interesadas, en calidade de oíntes, nos contidos relacionados coa igualdade, a coeducación, as violencias e as redes sociais
Laura Moure/Lalín
O Concello de Lalín, a través da Concellería de Igualdade, invita á veciñanza lalinense e a todas as persoas interesadas nos contidos relacionados coa igualdade e coa coeducación a participar no XX Curso de Verán, “Novas Fronteiras na Igualdade de Oportunidades 2.0: Violencias – Redes Sociais– Consentimento – Coeducación”. Trátase dun curso cunha excelente programación, ao que poderán asistir, en calidade de oíntes, todas as persoas interesadas, na que se analizarán aspectos, contidos e problemáticas de gran interese no momento actual, relacionadas coa educación transversal, a coeducación, ás violencias e ás redes sociais ou a abordaxe dos diferentes tipos de violencia. A vintena de alumnos/as matriculados está conformado metade por alumnado universitario e metade por profesorado deste nivel académico.

Entre os obxectivos deste curso están os de:
Debater sobre feminismo e educación en igualdade nos ámbitos educativo e social, favorecendo unha reflexión sobre a igualdade como compromiso educativo e rachando os roles e estereotipos de xénero.
Promover a participación e integración entre escola e comunidade a fin de desenvolver accións que permitan detectar os problemas educativos e sociais que lles afectan e aportar alternativas de solución que contribúan a mellorar a sociedade na que vivimos.
Facilitar o encontro de profesionais de distintos ámbitos de intervención relacionados coa igualdade de oportunidades, favorecendo o intercambio de experiencias e o aproveitamento de materiais e recursos diversos sobre as temáticas propostas.
Coñecer e analizar boas prácticas para o desenvolvemento de actuacións igualitarias en diferentes contextos.
Un curso de verán de alto nivel, organizado pola Oficina de Igualdade do Concello de Lalín e o ICE da Universidade de Santiago de Compostela, no que intervirán profesionais expertas/os a nivel internacional como Miguel Lorente Acosta, Silvia Pérez Freire, Enma Cepeda, Paz Filgueira, Iván Gómez Beltrán, Beatriz Gimeno, Patricia Alonso, Irantzu Varela, Rosa Cobo, Octavio Salazar, Soraya Calvo e Mª Ángeles Rebollo Catalán que traballan cara á igualdade de oportunidades, cun enfoque multidisciplinar e desde diferentes ámbitos de actuación.
Publicidade
En definitiva, unha acción formativa que fomenta o intercambio de experiencias entre profesionais, promovendo a igualdade de oportunidades e cuestionando roles e estereotipos de xénero. Ademais, procurará sensibilizar sobre as violencias machistas, ofrecer ferramentas para combatelas e fortalecer o papel activo do profesorado na construción dunha sociedade máis xusta. Todo isto orientado a transformar mentalidades, actitudes e prácticas que favorezan a equidade no ámbito educativo e social.
O curso dará comezo mañá martes 8 de xullo ás 9:30 horas, no edificio sociocultural da rúa Manuel Rivero onde nos acompañará na inauguración do mesmo José Crespo Iglesias, alcalde de Lalín; Milena Villar Varela, profesora da USC e codirectora do Curso; María Quintiana Pérez, directora xeral de Promoción da Igualdade da Xunta de Galicia.
As trece conferencias así como a performance musical “Emocións fronte ás violencias” a cargo do grupo Caspervek, as que poderán asistir libremente todas as persoas que o desexen, serán o martes, mércores e xoves de 10:00 a 14:00h e de 16:00 a 20:00h e o venres de 10:00 a 14:00 horas, como se recolle no programa que poderán atopar na web do concello www.lalin.gal/igualdade.
Esta actividade está cofinaciada polo Concello de Lalín a Universidade de Santiago de Compostela, con cargo aos fondos recibidos do Ministerio de Igualdade, a través da Secretaría de Estado de Igualdade e contra a Violencia de Xénero. Está dirixido por Milena Villar Varela, do Instituto de Ciencias da Educación e por Susi Payo Negro, da Oficina de Igualdade do Concello de Lalín.
Publicidade
PREVISIÓN INAUGURACIÓN CURSO DE VERÁN
Intervencións:
Milena Villar Varela, profesor da USC e codirectora do curso
María Quintiana Pérez, directora xeral de Promoción da Igualdade da Xunta
José Crespo, alcalde de Lalín
Data: martes, 8 de xullo
Hora: 9.30 horas
Lugar: Edificio sociocultural da Rúa Manuel Rivero
Comments