Detidos tres residentes en Lalín por aportar documentos falsos para obter permisos de residencia
- ecosdacomarca
- hace 8 minutos
- 2 Min. de lectura
"Os socialistas consideran necesario saber quen facilitou eses empadroamentos e se se puideron producir actuacións neglixentes por parte de cargos políticos municipais"
Ecos da Comarca/Lalín
A Policía Nacional de Vigo procedeu á detención de tres arxelinos residentes en Lalín por aportar documentos falsos para obter permisos de residencia. O PSOE de Lalín mostra a súa preocupación por estas recentes detencións e polas investigacións que avanzan arredor dunha trama de falsificación documental vinculada á obtención de permisos de residencia a través de empadroamentos fraudulentos no Concello de Lalín.

Con todo, esta situación non é unha sorpresa para os socialistas, "senón un paso máis dun caso que evolucionou a partir da Xunta Local de Seguridade na que a Subdelegación do Goberno advertiu da existencia dun censo anormalmente elevado de persoas de orixe alxeriana empadroadas, así como de informacións de medios de comunicación e veciños que alertaban de empadroamentos de persoas estranxeiras nos seus propios domicilios sen teren coñecemento ou en domicilios ficticios. Mentres tanto o alcalde, José Crespo, negábase sistematicamente á existencia de ningún tipo de irregularidade, botando balóns fóra, culpando a outras administracións ou restando importancia a unhas advertencias que agora se demostran máis que xustificadas".
O avance das investigacións da Policía Nacional e da Unidade Central de Redes de Inmigración Ilegal (UCRIF), coa colaboración da Oficina de Extranxeiría da Subdelegación do Goberno, "vén confirmar o que o PSOE de Lalín levaba tempo alertando: que había indicios máis que razoables de prácticas irregulares no proceso de empadroamento ante a a actitude negacionista e opaca do goberno do PP", sinala o PSOE.
Os socilistas consideran que é lexítimo preguntarse por que Lalín aparece no foco desta trama. Tamén é necesario saber quen facilitou eses empadroamentos e se se puideron producir actuacións neglixentes por parte de cargos políticos municipais.
"Desde o PSOE de Lalín queremos deixar claro que non estamos a sinalar a ninguén sen probas, pero si esiximos transparencia, colaboración coa Xustiza e responsabilidades políticas se estas prácticas foron coñecidas desde a administración local".
Publicidade
Quen goberna,engade, "non pode mirar para outro lado, botarlle a culpa aos demais ou escudarse en que "non sabía nada". A responsabilidade política de quen ten a máxima responsabilidade no Padrón Municipal tamén implica vixiar, controlar e impedir que se poidan producir este tipo de actuacións fraudulentas, e aquí, a vista está, non se fixo".
Reiteramos, sinalan os socialistas, "o noso agradecemento ao subdelegado do Goberno, Abel Losada, e á Policía Nacional, cuxo traballo minucioso e profesional está a contribuír a esclarecer feitos moi graves que afectan á reputación do noso concello. Agardamos que a investigación siga avanzando, que se depuren todas as responsabilidades –tamén as políticas, se as houbese–, e que se poña fin a calquera práctica fraudulenta que converta Lalín nun lugar de referencia para redes ilegais".
コメント