top of page

Detidas 3 persoas por estafas bancarias con suplantación de identidade que actuaron en Lalín

Operaban por todo o país e chegaron a subtraer 49.000 euros en efectivo, intervíndolles 60 DNIs orixinais e máis de 6.000 euros en metálico


Ecos da Comarca/Lalín

A Garda Civil, procedeu á detención de tres persoas como presuntos integrantes dun grupo criminal dedicado á comisión de estafas e usurpación de estado civil en entidades bancarias de toda a xeografía nacional. A operación saldouse coa intervención de 60 documentos nacionais de identidade (DNIs) orixinais, máis de 6.000 euros en efectivo e diversas pezas de vestir utilizadas nos ilícitos.

Os feitos remóntanse á mañá do pasado 3 de marzo, cando desde unha sucursal bancaria do Porriño alertouse á Garda Civil ante a actitude sospeitosa dunha muller que solicitara a retirada de 49.600 euros dunha conta.


Detectáronse incongruencias entre a documentación achegada e os datos que constaban no sistema da entidade. Grazas ao aviso, estableceuse un dispositivo de vixilancia por parte do Equipo de Investigación do Posto Principal da Garda Civil de Porriño, na sucursal e os seus arredores que permitiu observar como dúas mulleres actuaban de maneira coordinada. Mentres unha delas accedía ao banco para tentar materializar a retirada do diñeiro, a outra esperaba nun establecemento próximo, sendo detidas ambas as tras un cacheo preventivo no que se lles interviñeron varios DNIs e documentación bancaria de terceiras persoas ocultos entre as súas pertenzas. As pescudas posteriores, levadas a cabo polo Equipo de Policía Xudicial da Garda Civil de Vigo, determinaron que as dúas detidas actuaban en conivencia cun terceiro individuo, que foi localizado e detido o pasado 5 de marzo nun establecemento da localidade de Mos (Pontevedra).

Este home utilizaba un vehículo alugado para trasladar ás mulleres ata as proximidades das sucursais bancarias, exercendo presuntamente como líder da organización. No rexistro do vehículo, realizado con todas as garantías legais e en presenza de letrada, acháronse ocultos 60 DNIs orixinais de diferentes persoas, varios extractos bancarios, un permiso de conducir e 5.500 euros en efectivo. Parte deste diñeiro podería corresponder aos 6.000 euros subtraídos de maneira fraudulenta nunha sucursal de Tomiño (Pontevedra) o mesmo día das detencións. Así mesmo, atopáronse pezas de roupa que, tras ser analizadas, coinciden coas utilizadas polas dúas mulleres noutros feitos delituosos.

 Publicidade

Preme para obter máis información.
Preme para obter máis información.

As investigacións permitiron vincular aos detidos cunha trintena de delitos, entre consumados e en grao de tentativa, cometidos nun período de 34 días en localidades como Móstoles (Madrid), Albacete, Barcelona, Benavente (Zamora), A Coruña, Ourense e diversas poboacións da provincia de Pontevedra (O Porriño, Tomiño, Mos, A Guarda, O Grove, Ponteareas, Lalín, Salvaterra de Miño, Salceda de Caselas, Vilagarcía e Redondela). En concreto, impútaselles a autoría de tres estafas consumadas que ascenden a un total de 49.000 euros subtraídos de contas bancarias mediante a presentación de DNIs falsificados ou subtraídos.


Ademais, atribúenselles 19 intentos de estafa noutras tantas oficinas de diferentes entidades, chegando a tentar defraudar unha cantidade próxima aos 100.000 euros, operacións que non chegaron a materializarse grazas á intervención policial. A operación foi posible grazas á estreita colaboración dos departamentos de seguridade de varias entidades bancarias (Banco Santander, Caixabank e BBVA), que achegaron imaxes e denuncias por feitos similares ocorridos nas súas sucursais, así como á cooperación coa Policía Local do Porriño e outros corpos policiais como Mossos d'Esquadra e o Corpo Nacional de Policía, que permitiron cotexar antecedentes e denuncias previas por roubo de documentación das vítimas.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para contactar con nós!
Preme na imaxe para contactar con nós!

Os detidos, con residencia habitual en Cataluña e con numerosos antecedentes por feitos de similar natureza, foron postos ao dispor do Tribunal de Instancia Sección Civil e de Instrución número DOUS do Porriño, xunto coas dilixencias instruídas, que decretou o ingreso en prisión do home e as dúas mulleres en liberdade con cargos. Non se descartan máis detencións.


Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page