"A nosa intención é organizar obradoiros mensuais, onde as persoas poidan vir as veces que queiran, sen ter que comprometerse a unha asistencia regular, como na escola"
ENTREVISTA Á ASOCIACIÓN CULTURAL A PINGUELA DE BAMA, DE TOURO
Laura Moure/Touro
A Asociación Cultural A Pinguela de Bama (Touro) é un deses colectivos que enriquecen a vida do rural e que contribúen a manter vivas as tradicións. Fan unha labor moi importante e levan a cabo iniciativas para grandes e pequenos. Hoxe falamos con seus membros para saber máis da súa traxectoria e dos seus proxectos.
1. A Asociación Cultural A Pinguela de Bama nace en 2017. Como definiría estes catro anos de traxectoria?
Pois foron uns anos moi ilusionantes, de arrancar dende cero este proxecto cultural. Fomos consolidando tamén unha equipa de traballo coa que nos sentimos moi cómodos e coa que esperamos seguir facendo realidade as nosas ideas.
2. Quen formades parte da directiva?
A directiva está formada por nove persoas e ten unha composición bastante diversa. Por un lado non só hai xente da parroquia de Bama, catro persoas son doutras parroquias dos concellos de Touro e O Pino. Os dous xéneros están ben representados e, aínda que a maioría somos persoas mozas, de menos de 35 anos, tamén temos na directiva persoas de máis idade, que son nalgúns casos nais e pais de alumnado da escola da asociación. Os membros da directiva son: Patricia Remeseiro (presidenta), José Manuel Caneda (vicepresidente), Andrea Mosquera (secretaria), Anxo Tato (tesoureiro) e Lupe Penas, Lorenzo Balboa, Marta Ordóñez, Sergio Barreiro e Daniel Caneda como vogais.
3. Volvendo aos inicios. Como xorde a idea de poñer en marcha esta asociación?
A asociación xorde coa vontade de dinamizar a vida social e cultural da parroquia de San Vicenzo de Bama, no concello de Touro, e a súa contorna. Nun principio, o obxectivo principal era poñer en valor o Entroido dos Xenerais do Ulla que se celebra aquí. Co tempo, a asociación medrou e incorporou novas actividades que a día de hoxe son máis o centro do noso traballo, como a escola de música e baile tradicional.
4. Por que o nome de A Pinguela?
O nome vén unha fonte situada a carón dun antigo muíño da parroquia. Unha “pinguela” é tamén un fío de auga que mana dunha rocha, así é esa fonte e así somos nós, unha asociación que sae da terra para refrescar un pouco a vida da veciñanza. Esta idea tamén está presente no noso logo, realizado pola deseñadora Olaya Naveira, que se inspira na flor da auga. Este é un símbolo xeométrico usado na cultura celta, e estendido por toda Europa, vinculado coa auga como fonte de vida e que era habitual atopar gravado nas pedras para marcar fontes e remansos de auga.
5. A día de hoxe cantos socios tedes? Como se pode facer socio?
A día e hoxe temos 56 persoas asociadas. Se alguén quere asociarse para participar de forma máis habitual nalgunha das nosas actividades ou para colaborar connosco só ten que contactarnos. O trámite é moi sinxelo, simplemente cubrir un formulario ou enviarnos un e-mail solicitando incorporarse á asociación.
6. Na actualidade un dos vosos logros é unha escola de música e baile tradicional como xa contastes liñas máis arriba. Que impartides e canto alumnos tedes?
Este curso temos 37 persoas inscritas na escola. Está lonxe do número de antes da pandemia, pero imos recuperándonos. Na escola hai un amplo abano de idades. Dende os nenos e nenas máis pequenos, duns 5 anos, que veñen ao combo de música e baile tradicional, ata homes e mulleres de máis idade pasando por adolescentes e mozos. A día de hoxe ofertamos clases de acordeón, que imparte Santi Cribeiro, de gaita e percusión, da man de Xián Herrera, de pandeireta e canto para adultos, das que se encarga Leticia López, e de baile para adultos, pandeireta, baile e combo para nenos e nenas que imparte a profesora Rebeca Tallón. Algo do que estamos moi orgullosos é coa calidade das clases que ofertamos, xa que todo o profesorado, que provén de grupos de renome como Os D’abaixo, Airiños da freba, Linho do Cuco e Cantigas e Agarimos, fai un traballo infindo.
7. Este domingo e en vindeiros días levaredes a cabo un obradoiro de baile con sesión vermú. En que consistirá esta iniciativa?
Pois trátase de, por unha parte, dunha clase de baile tradicional na cal a nosa profesora Rebeca Tallón fará que xente que nunca bailou ou que se está iniciando, aprenda algúns puntos e técnicas básicas para lanzarse a bailar nunha foliada. A nosa intención é organizar obradoiros mensuais, onde as persoas poidan vir as veces que queiran, sen ter que comprometerse a unha asistencia regular, como é o caso da escola. Para así favorecer que calquera persoa cun mínimo de interese poida aprender. E despois, unha vez que remata este obradoiro, abrimos as portas do local a calquera que queira achegarse a tocar, cantar, bailar e beber algo con nós na sesión vermú. Agora mesmo temos programados dous obradoiros con sesión vermú, un este domingo 20 de marzo e o
seguinte para o domingo 10 de abril. Estes son no local social de Bama (Touro), localizado no campo da festa. A asistencia á sesión vermú é libre pero para os obradoiros de baile hai que inscribirse enviando un e-mail a acapinguela@gmail.com, xa que teñen prazas limitadas.
8. Tamén promovestes o proxecto Dende a Cociña, que no seu día tamén falamos del en ECOS DA COMARCA. Como se está desenvolvendo esta acción?
O proxecto, que comezou en marzo do ano pasado, tivo unha parte moi intensa, cun gran número de actividades: a proxección do documental Dorothé na vila, unha mesa redonda, un obradoiro de recollas con Xulia Feixoo así como varias obradoiros nos colexios de Touro e O Pino. Na actualidade, estamos nunha fase de análise das recollas que fixo o alumnado dos colexios durante o curso pasado e tamén realizando unha pescuda sobre as moradas, unhas foliadas con gaiteiros que se facían entre o Nadal e Entroido nos tempos dos nosos avós. Imos máis lentos do que quixéramos xa que todos os membros do proxecto temos outras ocupacións, pero a nosa intención é facer este ano unha publicación divulgativa con todo o material que recompilamos.
9. Tedes algunha outra actividade en mente?
Si, despois de dous anos de parada retomamos a nosa foliada anual. Este ano será o sábado 7 de maio e nela pretendemos xuntar aos grupos de música tradicional da comarca e facer unha festa diferente que poidan disfrutar todos os veciños e veciñas dos nosos concellos.
NOTICIA RELACIONADA:
Comments