Este proxecto está formado por catro mozas e mozos aos que, ademais da amizade, os une o interese polo tradicional, e forman parte da Asociación Cultural A Pinguela de Bama
O logo do proxecto, diseñado polo artista galego Davixino
Laura Moure
O patrimonio inmaterial defínese como o conxunto de usos, representacións, expresións, coñecementos e técnicas que as comunidades e os grupos, e en determinados casos os individuos, recoñecen como unha parte integrante do seu Patrimonio cultural. E a importancia do Patrimonio cultural inmaterial non se basa na manifestación cultural en si, senón na acumulación de coñecementos e técnicas que se transmiten de xeración en xeración. E para mantelo vivo todos temos moito que facer. E neste senso nace Dende a cociña que é un proxecto de recolla e divulgación do Patrimonio inmaterial nos concellos de Touro e O Pino. Está formado por catro mozas e mozos aos que, ademais dun lazo de amizade, os une o interese polo tradicional, xa que tamén forman parte da Asociación Cultural A Pinguela de Bama. "A nosa idea para este proxecto é a recolla de Patrimonio e a súa divulgación posterior. Isto é no que queremos centrarnos principalmente, mais non descartamos que o proxecto teña unha continuidade no tempo, quizais con varias anualidades", apuntan estes mozos.
"Aínda que o proxecto se materializa a inicios deste ano, que foi cando solicitamos unha subvención á Deputación da Coruña para financiar o mesmo, a idea de levar a cabo un proxecto de conservación do patrimonio inmaterial na nosa zona (Touro e O Pino), xa levaba nas nosas mentes bastante tempo. De feito, xusto cando empezou o confinamento, iamos comezar a visitar a algúns veciños e veciñas, pero non puido ser pola chegada da Covid ás nosas vidas", contan os promotores desta iniciativa. "Aínda así, para nós seguía sendo necesario levar a cabo un traballo de recoñecemento e posta en valor de todo ese Patrimonio dos nosos avós e avoas, polo que decidimos cambiar o enfoque do proxecto e adaptarnos ás condicións sanitarias actuais".
A idea principal do proxecto é a conservación do patrimonio inmaterial deste dous concellos da Comarca de Arzúa. "Comprobamos que o arquivo de recollas que hai é escaso, e que mesmo puidese existir máis, pero que non fose público. Por iso queremos recuperar a nosa tradición oral, e divulgala, que esta estea ao alcance de todas/os", explican.
Distintas actividades
Ademais, esta iniciativa propón diferentes actividades. De feito, hoxe sábado acolleu unha mesa redonda baixo o título As recollas de Patrimonio cultural e as súas formas de preservación e divulgación e un documental, Dorothé na vila. E o 17 deste mes está previsto un obradoiro para aprender a facer recollas de Patrimonio musical con Xulia Feixoo. Son actividades de balde e en liña, pero as prazas son limitadas e os interesados poden obter máis información ou facer as reservas a través do correo electrónico dendeacocinha@gmail.com .
"A acollida ás actividades que organizamos no mes de abril está sendo moi boa, o cal nos alegra. Pero cremos que é difícil chegar á maioría das veciñas e veciños, na maioría dos casos por falta de visibilidade de todo ao que conleva a posta en valor do Patrimonio inmaterial. De tódolos xeitos, hai un montón de xente na zona que fai moito por promocionar o noso, pero isto sempre ten a obriga de partir da iniciativa popular e non da administrativa; véxase o Folk in Río en Touro, a festa da malla no Pino... e as asociacións culturais, benditas! Ao final á xente gústalle, só se necesita facerllo chegar. Por todo iso, a nosa idea será que co tempo a xente se familiarice co proxecto, e que cada día sexamos máis veciñas e veciños. Tamén colaboraremos cos colexios de ámbolos concellos, o cal creará vínculos tamén coas/os cativas/os dos municipios, que poderán mantelo no tempo".
Como se pode aprezar esta andaina acaba de nacer, pero as ganas e a implicación son enormes. "Parécenos que podemos facer un montón de cousas nos dous concellos, e que as temos que facer. Iso pode levarnos seguramente máis tempo do que temos en mente, polo que por agora queremos centrarnos na nosa zona e que saia algo que nos deixe satisfeitos. E non queremos pechar portas e sempre estamos abertos a colaborar con quen queira. De feito, unha das maiores satisfaccións de traballar neste proxecto é todos os vínculos que se crean nas colaboracións, no que temos que agradecer a moita xente que nos tende a súa man sen pensalo".
Comments