Denuncian a situación “inhumana e insegura” do CEIP Plurilingüe Nosa Señora da Piedade de Cruces
- ecosdacomarca
- hace 6 horas
- 2 Min. de lectura
A ANPA e o Concello solicitan á Xunta que, se se vai executar a unificación dos edificios
de Infantil e Primaria, se faga segundo o plan presentado en 2024 para garantir “espazos adecuados, seguros e dignos para o alumnado”
Ecos da Comarca/Vila de Cruces
A ANPA do CEIP Plurilingüe Nosa Señora da Piedade e o Concello de Vila de Cruces alertan á cidadanía da grave situación no edificio de Infantil e a confusión provocada pola Xunta de Galicia respecto á unificación co edificio de Primaria.

"No consello escolar celebrado o pasado mércores, 11 de febreiro, comunicóuselle á
ANPA que o 30 de xaneiro acudiron ao centro membros da Unidade Técnica da Xunta.
Estes técnicos indicaron verbalmente que non dispoñían de ningún plano para a unificación, a pesar de que no 2024 xa foran presentados a membros da ANPA e do
persoal docente nunha reunión coa Xunta. Tamén indicaron que o edificio de Infantil
non tiña sentido reparalo dada a súa antigüidade", sinalan dende o Concello.
Esta contradición súmase á proposta actual da Xunta de trasladar aos nenos de Infantil
exclusivamente ao salón de actos, un espazo, segundo a ANPA e o Concello, “completamente insuficiente, inadecuado e inhumano para o alumnado”.
Publicidade
Desde a ANPA e o Concello esíxese á Xunta que, se se vai executar a unificación, se
faga segundo o plan presentado en 2024, garantindo “espazos adecuados, seguros e
dignos para o alumnado”, e non que se confine aos nenos de Infantil no salón de actos,
nin que se sigan mantendo no edificio de Infantil coas condicións nas que se atopan
actualmente.
Publicidade/DOAZÓN PARA ECOS DA COMARCA

No 2024, os planos presentados pola Xunta incluían unha “unificación segura e
organizada”, con reestruturación de aulas de inglés, PT e música, zonas de AL, sala de
impresora e almacén no piso inferior, e división do salón de actos no piso superior para
crear aulas adicionais. Segundo a ANPA e o Concello, esta proposta garantía “espazos
seguros e dignos para o alumnado”, ao contrario da solución que agora pretende a
Xunta.
Publicidade
Un informe técnico tamén de 2024, encargado polo Concello, constata que o edificio de
Infantil require obras maiores, xa que a cuberta de uralita deixa entrar a auga,
afectando ao sistema eléctrico e provocando fallos nas luces, poñendo en “perigo
directo a seguridade dos nenos”. Ademais, explican desde a ANPA e o Concello que os
pequenos deben trasladarse ao edificio de Primaria para usar o comedor, en pleno inverno, mollándose e aumentando o risco de enfermidades. Tamén engaden que os
baños dos dous edificios presentan condicións lamentables e indignas.




