A Xunta declarou hoxe un total de 11 novos focos en explotacións bovinas das catro provincias galegas
Laura Moure/Xeral
A Xunta vén de declarar 11 novos focos de Enfermidade Hemorráxica Epizoótica (EHE) en Galicia, noutras tantas comarcas veterinarias da comunidade. Dentro destas figuran casos en Arzúa, Santiso e Antas de Ulla.
En concreto, son cinco novos focos de EHE na provincia da Coruña, nos concellos de Aranga (comarca veterinaria de Teixeiro), Arzúa (comarca veterinaria de Arzúa), Cerdido
(comarca veterinaria de Ortegal), Santiago (comarca veterinaria de Santiago) e Santiso (comarca veterinaria de Terra de Melide). Tres novos focos na provincia de Lugo, nos concellos de Ourol (comarca veterinaria da Mariña Occidental), en Baralla (comarca
veterinaria dos Ancares) e Antas de Ulla, (comarca veterinaria da Ulloa); dous novos focos na provincia de Ourense, nos concellos de Melón (comarca veterinaria de Ribadavia) e en
Vilar de Barrio (comarca veterinaria da Limia); e un en Pontevedra, no concello da Estrada
(comarca veterinaria de Tabeirós Terra de Montes).
Cos 11 focos declarados hoxe, son 29 as comarcas veterinarias nas que se ten notificado
focos de EHE en Galicia. Cabe mencionar que das comarcas de Arzúa, Deza, Terra de Melide e A Ulloa o primeiro caso detectado foi en Vila de Cruces.
A EHE é unha enfermidade infecciosa pero non contaxiosa producida por un virus que se
transmite aos animais exclusivamente a través da picadura de mosquitos do xénero
Culicoides,spp. Dada a vía de transmisión, esta enfermidade aparece mentres exista o mosquito vector circulando no ambiente. Polo tanto, existe un período de posible afectación dos animais (aproximadamente de abril a decembro) e outro, nos meses de inverno, nos que ao no existir circulación do vector, non existe posibilidade de infección nos animais.
Publicidade
A única vía de contaxio nos animais é a través da picadura dos mosquitos transmisores,
polo que non é posible a transmisión directa ou indirecta entre eles. Ademais, cómpre
aclarar que esta doenza non afecta ás persoas, nin pola picadura do mosquito transmisor,
nin por contacto con animais infectados, nin polo consumo de produtos de orixe animal
(carne, leite…) destes animais.
Afectación ao gando
Así mesmo, cabe salientar que a EHE afecta especialmente a ruminantes silvestres,
fundamentalmente cervos, tamén corzos ou gamos. No gando doméstico só o gando
bovino resulta afectado coa aparición de síntomas nalgúns animais. O gando ovino pode
tamén infectarse pero non aparece sintomatoloxía, mentres que o gando cabrún non é
sensible a esta enfermidade.
No gando vacún pode presentarse clínica moderada, con febre, perda de apetito, edema
facial, secreción ocular e/ou nasal, salivación, dificultade respiratoria, eritema ou
descamación en boca e nariz, coxeira ou eritema do ubre, síntomas que normalmente
desaparecen en aproximadamente dúas semanas. En canto ao gando ovino e cabrún, non
hai constancia de enfermidade clínica nos animais.
Publicidade
Ademais, cómpre sinalar que non existe vacina nin tratamento curativo específico fronte ao
virus da EHE. Por iso, as medidas preventivas posibles a tomar respecto a esta
enfermidade van encamiñadas a evitar o contacto dos animais co mosquito vector, en
concreto:
Evitar a existencia de posibles zonas de cría do mosquito transmisor nas explotacións, fundamentalmente zonas con materia orgánica húmida ou lama, zonas de elección para a cría para estes mosquitos.
Utilizar preventivamente desinsectantes ou repelentes nas instalacións, nos medios de transporte ou nos animais, nos casos que se considere oportuno.
No caso de detectar animais con sintomatoloxía compatible coa enfermidade, tanto bovinos como cérvidos silvestres, debe comunicarse esta circunstancia de xeito inmediato aos servizos veterinarios oficiais da Consellería do Medio Rural.
Comments