Dúas persoas falecidas nun accidente na A-54 á altura do concello do Pino
- ecosdacomarca

- 14 sept 2025
- 2 Min. de lectura
Ecos da Comarca/O Pino
Este domingo, 14 de setembro, rexistrouse un accidente mortal na A-54, á altura do concello do Pino. O 112 Galicia foi alertado ás 14:32 horas. Tal e como informan os Bombeiros de Arzúa e o 112, tratouse dunha saída de vía e saldouse con dúas persoas falecidas. "O coche colidiu contra a medianeira e o persoal de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 só puido confirmar o pasamento dos dous ocupantes do vehículo", sinala o 112.

Varios particulares informaron ao 112 Galicia dun coche que chocou contra a medianeira no quilómetro 75 da A-54, ao seu paso pola parroquia de Cerceda (O Pino) en sentido Arzúa. Os primeiros avisos apuntaban a que as dúas persoas implicadas podían estar atrapadas no interior do vehículo.
Os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias alertaron a Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Bombeiros de Arzúa, Garda Civil de Tráfico e servizos de mantemento da estrada e, nese momento, Urxencias Sanitarias indicou que estaban a mobilizar o seu helicóptero medicalizado con base en Santiago.
Xa no lugar do accidente, os equipos de emerxencias comprobaron que os implicados permanecían inconscientes. Malia os esforzos, os servizos sanitarios só puideron confirmar o falecemento de ambos.
Publicidade
Os Bombeiros non tiveron que actuar para liberalas, mais encargáronse da limpeza da vía para o restablecemento das condicións de seguridade na circulación.
Desde o 112 Galicia tamén se alertou aos profesionais do Grupo de Intervención Psicolóxica en Catástrofes e Emerxencias (GIPCE), do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, por se resultara necesaria a súa intervención.
As vítimas son un veciño de Arzúa de 23 anos e unha veciña do Pino de 24 anos.







Comentarios