top of page

CxL denuncia que os taxistas da rúa Colón teñen ocupada máis da metade a parada por unhas obras

1 may 2023
2 min de lectura

Esíxelle ao Concello solucións


Ecos da Comarca/Lalín

O membro da candidatura de Compromiso José Luis Abeledo Rivas, taxista de profesión, alerta dos problemas que está a ter o colectivo de taxistas de Lalín para o desenvolvemento normal da súa actividade por mor dunhas obras que se están a realizar na rúa Colón, xusto a carón de onde teñen a parada.


A causa destas actuacións, máis da metade do espazo de estacionamento reservado para os taxis está ocupado pola caseta de obra, o material, os andamios e un gran contedor de residuos.

“A pesar de que os obreiros tratan de molestar o menos posible, este tipo de actuacións sempre xeran inconvenientes que son inevitables, e no noso caso está a a afectar de maneira directa ao noso traballo e fainos perder clientes”, sinala Abeledo. Iso sen contar que durante varias horas ao día “estamos padecendo os ruídos e a suciedade que chega desas obras, o que fai que non sexa o ambiente de traballo máis saudable”.


Ademais destes problemas e de ter menor visibilidade para os usuarios, tamén se dá a circunstancia de que nos poucos espazos baleiros da parada se producen constantes estacionamentos irregulares de vehículos privados sen que se estea a facer nada por parte do Concello para evitar esta situación. “Moitas veces non temos nin onde deixar o coche na nosa propia parada”, lamenta Abeledo.

Preme na imaxe se queres contactar connosco!

Para máis, Abeledo remarca que non se trata dunhas obras que se vaian resolver de inmediato, senón que “estamos a falar da rehabilitación integral dunha vivenda, polo que seguramente estaremos así varios anos”, o que “non resulta admisible de ningunha maneira polos prexuízos que terá para a nosa actividade”.


Neste contexto, dende Compromiso reclámaselle solucións ao concello de maneira inmediata para que os taxistas poidan desenvolver o seu traballo en condicións de normalidade. A procura dun espazo alternativo nun tramo da rúa Principal é unha das posibilidades que se lle suscitou ao goberno local e para a que, polo de agora, non houbo resposta. É ademais unha promesa que se lles fixo no seu día aos taxistas e, como a meirande parte delas, a día de hoxe non se cumpriu.


Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

​

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page