CSIF denuncia "retrasos no pago de nóminas no Concello de Dozón"
- ecosdacomarca

- hace 4 minutos
- 2 Min. de lectura
Ecos da Comarca/Dozón
A Central Sindical Independente de Funcionarios (CSIF) denuncia "os atrasos no pago das nóminas dos traballadores do Concello de Dozón, que nos dous últimos meses non cobraron ata o día 6 ou mesmo máis tarde. Esta situación, inédita ata o de agora, está a xerar unha grave preocupación entre o persoal, que sempre percibira os seus salarios puntualmente".

O sindicato explica que estes atrasos comezaron "tras a saída da funcionaria que, durante o último ano, desempeñara as súas funcións no Concello mediante unha comisión de servizos". CSIF considera que a non renovación da devandita comisión "está a utilizarse como coartada para xustificar a creación dun posto de Técnico/a de Administración Xeral A1, cun custo anual duns 52.000 euros, algo que o sindicato ve inxustificado e desproporcionado para un municipio de menos de 1.000 habitantes".
CSIF alerta de que este posto estaría "deseñado para unha traballadora concreta", e denuncia "que se está tentando forzar unha situación que prexudica ao persoal e á cidadanía para favorecer aspiracións persoais". “Nunca antes se producira un problema de cobranza de nóminas, independentemente do persoal existente ou do secretario/a ao mando”, insiste a organización.
O pasado 3 de novembro, CSIF participou nunha reunión de negociación sobre este novo posto, onde expresou a súa oposición frontal por considerar a proposta innecesaria e potencialmente contraria á normativa. O sindicato argumenta que o Concello carece dunha Relación de Postos de Traballo (RPT) e que a medida podería incumprir requisitos establecidos nos Orzamentos Xerais do Estado prorrogados en materia de persoal.
Publicidade
A central sindical lembra, ademais, que o Concello vén cubrindo as súas necesidades estruturais de persoal —especialmente en áreas como vías e obras ou recollida de lixo— mediante subvencións da Xunta e a Deputación, e sostén que o persoal actual, formada por un Secretario-Interventor e catro auxiliares administrativos, é suficiente se se organiza adecuadamente mediante unha RPT.
CSIF engade que o Concello de Dozón aínda non concluíu o proceso de estabilización de emprego temporal, que debería finalizar o 31 de decembro de 2024 e que, segundo declaracións do alcalde, estará resolvido en novembro de 2025. “O goberno municipal debe garantir o correcto funcionamento dos servizos públicos e o pago puntual das nóminas, sen ceder a presións que poidan comprometer o interese xeral”, conclúe CSIF.







Comentarios