Cruces e Santiso solicitan unha reunión urxente coa Xunta pola suspensión da barcaza de Portodemouros
- Laura Moure
- hace 12 horas
- 2 Min. de lectura
A paralización do servizo afecta gravemente á mobilidade veciñal e á actividade económica da zona
Laura Moure/Cruces/Santiso
Os alcaldes de Vila de Cruces e Santiso, Luís Taboada e Manuel Adán, solicitan á Xunta de Galicia unha reunión de carácter urxente para abordar a suspensión temporal da barcaza de Portodemouros. Esta semana os rexedores dos dous Concellos mantiveron unha reunión de traballo para analizar a situación. No encontro tamén participaron José Luis Carril, membro da Asociación de Afectados do Encoro de Portodemouros, e Ana Mouriño, veciña de Beigondo e propietaria dun local de hostalería directamente afectado pola paralización do servizo.

O transbordador non é a única vía de comunicación entre Vila de Cruces e Santiso, pero si a máis directa. A súa suspensión obriga a dar longos rodeos por estrada, o que provoca graves prexuízos á veciñanza, especialmente a agricultores e gandeiros que teñen propiedades a ambos lados do encoro. Ademais, afecta tamén a estudantes que acoden diariamente ao instituto e a traballadores que se desprazan a industrias situadas a unha e outra beira, así como aos negocios locais que dependen do tránsito constante entre ambos municipios.
PUBLICIDADE

Os alcaldes lembran que a Xunta de Galicia ten a obriga de garantir a continuidade do
servizo as 24 horas do día, os 365 días do ano, dado o seu carácter esencial. “Non podemos permitir que as nosas aldeas queden illadas por falta dun servizo que é
básico para a mobilidade e para a vida diaria da xente”, subliñaron.
PUBLICIDADE
Os concellos esixen que se habiliten medidas alternativas inmediatas mentres duren os
traballos de mantemento, ao tempo que reiteran a súa disposición ao diálogo coa Administración autonómica para buscar unha solución estable que evite situacións de illamento no futuro.
Comentarios