Coñecendo o dano cerebral no Día do Cerebro
- ecosdacomarca

- hace 1 día
- 4 min de lectura
Dano Cerebral Galicia organizou un Almorzo On/Off en colaboración co Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia
Ecos da Comarca/Xeral
‘Que diferencia o dano cerebral adquirido doutras discapacidades?’ foi o título do Almorzo On/Off que tivo lugar onte no Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG). Irene Cancelas Sánchez, responsable de Comunicación de Dano Cerebral Galicia, e Pablo Freire Portela, traballador social de Dano Cerebral Lugo e membro do Grupo de Comunicación da Federación, dirixíronse aos medios coa compaña e testemuño de Lucrecia Alcolado Sánchez, unha muller de 56 anos de Lugo que ten dano cerebral adquirido.
Características do dano cerebral adquirido
“Discapacidade invisible” ou “epidemia silenciosa” son algúns termos que adoitan empregarse para referirse ao dano cerebral adquirido. Os membros do Grupo de Comunicación trazaron para os e as xornalistas asistentes un retrato do dano cerebral adquirido baseado nos seus feitos diferenciais. Un xeito de conmemorar o Día do Cerebro (22 de xullo), concienciando tamén sobre o coidado da súa saúde.

O dano cerebral adquirido está causado case sempre por ictus, pero tamén por traumatismos cranioencefálicos (nomeadamente a raíz de accidentes de tráfico, e aínda laborais, caídas, golpes ou pelexas), anoxias, tumores cerebrais ou infeccións (como a meninxite). Ten o reto de darse a coñecer porque se trata dunha discapacidade emerxente e en aumento. Emerxente debido sobre todo ás melloras sanitarias en atención de urxencias, así como ao desenvolvemento de novos tratamentos, que salvan vidas que continúan, pero con dano cerebral adquirido. E en aumento como a incidencia do ictus, a súa principal causa, debido ao envellecemento da poboación e ao empeoramento dos hábitos de vida (sedentarismo, mala alimentación, estrés...).
É unha discapacidade invisible, debido sobre todo á multitude de secuelas que pode causar en función do lugar do cerebro no que se produce a lesión. Cada persoa pode presentar diferente cantidade e intensidade de secuelas físicas (parálise lateral, tremores, alteracións na fala), sensoriais (perda total ou parcial dun sentido, alteración na sensibilidade á temperatura), emocionais (depresión, ansiedade), condutuais (impulsividade, apatía) e cognitivas (repercusións na memoria, capacidade de atención, comprensión, orientación). Moitas delas, especialmente destes dous últimos grupos, non son perceptibles a simple vista, o que xera unha enorme incomprensión, e polo tanto frustración e cambios no estado de ánimo das persoas con dano cerebral adquirido.
O dano cerebral adquirido tamén leva no nome outra das súas características: chega de repente, case sempre na idade adulta, en persoas nacidas sen dano ningún no cerebro; é unha discapacidade adquirida que implica unha ruptura do proxecto vital a nivel social, laboral, educativo... Obrigando a pasar un dó e recompoñer a traxectoria de cada persoa. É, ademais, unha discapacidade; isto é, a consecuencia dunha causa, que pode ser unha doenza (como o ictus) ou un traumatismo.
PUBLICIDADE
As súas consecuencias implican ademais un cambio de roles sociais e familiares. Dun día para outro unha persoa pasa a ser coidadora da súa nai ou da súa parella, obrigando a recompoñer esas relacións, e causando sobrecarga de traballo ás que asumen o labor de coidados, case sempre mulleres. Causa empobrecemento e illamento, xa que as persoas en idade adulta vense obrigadas, en moitas ocasións, a interromper a súa actividade laboral cunha cotización incompleta, ao que se suma que, ás veces, tamén teñan que abandonar o seu traballo as persoas coidadoras principais.
Por iso desde Dano Cerebral Galicia reivindican o dereito das familias a recibiren atención especializada. A intervención de Lucrecia Alcolado completou toda esta explicación, na que ela se identificou totalmente, achegando exemplos e anécdotas da súa vida con dano
cerebral adquirido desde a chegada da discapacidade. Relatou o inicio, o paso polo hospital, as secuelas coas que foi dada de alta, e como, co apoio de Dano Cerebral Lugo, foi adestrando para recuperar capacidades -cando comezou na Escola de Idiomas non era quen de tomar apuntes e agora faino- e coñecer mellor as súas limitacións -tras un tempo de atención a unha actividade, precisa descansar para poder continuar coa súa rutina diaria-.
Demandas das asociacións federadas en Dano Cerebral Galicia
A responsable de Comunicación de Dano Cerebral Galicia, Irene Cancelas, realizou tamén un breve trazado polas actividades e servizos tanto da Federación como das súas cinco asociacións (situadas na Coruña, Lugo, Ourense, Santiago e Vigo), e detallou os obxectivos que as unen na defensa dos dereitos e a calidade de vida das persoas e familias con dano cerebral adquirido:
1. Facilitar o recoñecemento: etiqueta dano cerebral adquirido á alta hospitalaria (complementando a de ictus ou calquera outra causa) para garantir a continuidade
asistencial (no ámbito social si está identificado o dano cerebral adquirido.
2. Aplicación do Proceso Asistencial Integrado do dano cerebral adquirido do Servizo Galego de Saúde: reestruturación e ampliación dos servizos públicos de atención.
PUBLICIDADE
3. Impulso á vida independente: actualización da carteira de servizos.
4. Formación e humanización de todo o sistema sociosanitario.
5. Que se entenda ás familias como parte beneficiaria directa de todo o proceso de
atención.
6. Melloras no sistema de emprego coa capacitación do persoal dos servizos de
emprego, o asesoramento das nosas asociacións, e tendo en conta a discapacidade
cognitiva (non só física ou intelectual) nas ofertas de emprego público.
7. Garantía efectiva da accesibilidade universal, subliñando a accesibilidade
cognitiva como parte da mesma: non só se precisan ramplas ou baños adaptados;
tamén lectura fácil, indicadores para orientación en edificios públicos, espazos de
descanso...
8. Que se teña en conta a voz das persoas con dano cerebral adquirido no deseño
de políticas públicas para a súa atención.
9. Financiamento estable, actualizado e proporcional do tecido asociativo para poder garantir a estabilidade dos servizos de atención.
Por último, desde o Grupo de Comunicación chamaron a atención sobre o enfoque co
que se trata o dano cerebral adquirido e a discapacidade en xeral, achegando ás xornalistas algunhas claves para reflexionar sobre a súa representación. Ademais, deron pautas para unha linguaxe inclusiva e respectuosa, que teña en conta á persoa como un todo, con múltiples circunstancias, entre as que se atopa a discapacidade. Desde o grupo recalcouse a súa dispoñibilidade para atender calquera dúbida dos medios de comunicación, e para asesorar sobre o tratamento do dano cerebral adquirido.








Comentarios