Ecos da Comarca/Touro
Comunicado íntegro da Asociación Cornado Mina Non
Case 30 anos despois de que Explotaciones Gallegas (máxima accionista de Cobre San Rafael) adquirira os terreos mineiros de Touro, e en consecuencia a asunción dos pasivos ambientais, anuncia un proxecto de máis dun millón de euros para a creación de dúas plantas de tratamento de aguas no Portapego e no Pucheiras. Sen embargo o que chama a atención son as palabras da máxima responsable Eva Gómez ao sinalar que a súa empresa non foi a responsable da situación esquecendo que o documento de compra non só implicaba a adquisición duns terreos e dereitos mineiros senón tamén a súa rehabilitación. Unha obriga que nunca foi asumida pola empresa concesionaria dos terreos tal e cómo o demostran os numerosos expedientes sancionadores e denuncias por verquidos contaminantes ao dominio público hidráulico. Segundo foi publicado na prensa a fiscalía de medio ambiente ten cursado denuncias no xulgado por supostos delitos ambientais que se están sustanciando na actualidade.
Ao mesmo tempo o entramado empresarial da mina vincula este proxecto de restauración á aprobación do proxecto de megaminería que foi denegado pola Xunta por cuestións técnicas que demostraban a súa inviabilidade. O mesmo día que o conselleiro de Industria Francisco Conde anunciaba a negativa á reapertura da mina recordáballe á mineira a obriga legal (non voluntaria) de presentar un novo proxecto de restauración dos terreos. É neste contexto como debemos entender o anuncio da creación de plantas de tratamento de augas.
Fai unhas semanas a Xunta anunciaba un novo expediente sancionador á empresa pola falla de restauración. Polo tanto o que a empresa quere vender como unha obra social en forma de chantaxe, ou mina ou non hai restauración, é en realidade unha obriga independente de calquera novo proxecto. Outra cousa é que a empresa considere dentro da súa estratexia de marketing social que un bo titular pode anular a realidade.
Dende a asociación veciñal Cornado Mina Non preguntámonos quen pode creer a unha empresa que leva trinta anos incumplindo a lei e que intenta impoñer un proxecto que pon en risco a vida das persoas e o seu entorno socioeconómico (segundo informes técnicos). Cornado Mina Non insta á empresa a cumplir coa lei despois de 30 anos e a pedir perdón ao mesmo tempo que recórdanlle que a súa credibilidade é cero logo de defender o proxecto rexeitado polos técnicos como un exemplo de minería sostible e moderna.
Comentários