top of page

‘Corcosendo’, o proxecto nacido na Ulloa que recolle e revaloriza a memoria das costureiras

Este sábado inaugúrase na Igrexa de Vilar de Donas, en Palas de Rei, unha exposición multidisciplinar


Laura Moure/Palas de Rei

Hoxe, sábado día 23, a Igrexa de Vilar de Donas, en Palas de Rei, será o escenario no que se materialice ‘Corcosendo’. É un dos 16 programas seleccionados en todo o país polo Insituto da Muller para recibir financiamento e impulsar a creación femenina.

A igrexa de Vilar de Donas, en Palas. Autor: Ecos da Comarca.

O proxecto é unha iniciativa que xorde no departamento de audiovisuais do Instituto de Estudos Ulloáns. A gran cantidade de mulleres na zona que tiveron relación co oficio da costura, de diferentes formas, son a pedra angular do proxecto, e o punto de partida. O obxectivo é poñer en valor a relevancia histórica do seu testemuño e a elas como creadoras.


Publicidade

Preme na imaxe para obter máis información!

É un percorrido que comeza nas costureiras das portas, que facían roupa e arranxos en casas alleas levando a máquina na cabeza, ata as cooperativas que xurdiron nos anos 80 e 90 por toda Galicia, pasando tamén polas que coseron na emigración.


O primeiro paso foi localizalas e realizar unha serie de entrevistas, para recoller a memoria do oficio da costura. Todo o material recuperado a través deses encontros converteuse nunha exposición de 33 retratos de mulleres que foron costureiras nalgún momento da súa vida, e que segundo recoñecen algunhas delas, non poden deixalo. Están intervidos pola artista téxtil Verónica Ramilo, en función da historia de cada unha das súas protagonistas.


Publicidade

Preme na imaxe para obter máis información.

Completan a exposición unha performace a cargo de Helena Salgueiro, unha videocreación do cineasta Xabier Mailán, titulada ‘As mas núas de quen nos vestiu’, e unha canción composta por Zoelas, que interpretarán o día da inauguración. Todas estas propostas artísticas foron creadas especificamente para ‘Corcosendo’, e baseadas no material recollido das costureiras.


Máis adiante vaise sumar tamén un libro que recolla os seus testemuños e historias, con prólogos da artista Ana Pérez Valdés e da escritora Olga Novo, Premio Nacional de Poesía 2020, máis unha aplicación para o teléfono móbil, ‘Arquitecturas da memoria’.


Publicidade

Preme na imaxe se quere contactar connosco.

As costureiras

Algunhas das historias que se recuperaron a través de ‘Corcosendo’ son, por exemplo, a de Hilda. Estando emigrada en Inglaterra cosía na casa para poder coidar a súa filla. Cosía para Bruce Oldfield, un dos deseñadores favoritos de Lady Di, que incluso participou na creación do seu vestido de voda. Tamén foi o artífice do vestido para a coroación da raíña Camila. “Foi unha época moi bonita a de coser así”, recoñece, “o da costura valeu unha vida”.


Pola súa parte Concha conta que comezou a coser con 12 anos polas portas, e que puxo un taller co seu home, que era sastre, cando casou aos 20: “Iamos a todos os lados coa maquiniña na cabeza, eramos as artistas á broma cosendo sentadas nun tallo, contábamos contiños de todo o corazón”. Seguiu cosendo sempre, e recuperou un arcón de sabas de liño ou colchóns de estopa, que transformou en cortinas ou manteis. É un exemplo do valor creativo do traballo destas mulleres, que a miúdo quedou difuminado no seu papel de coidadoras, e non recibiu o recoñecemento que merece.

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page