Arrancan as obras de renovación do último tramo da LU-P-0301 que dá acceso ao Parque Central de Galicia
- Laura Moure
- hace 1 día
- 2 Min. de lectura
A Deputación inviste preto de 132.000€ nestes traballos completando así o acondicionamento integral da vía que comunica Antas co límite da provincia de Pontevedra
Laura Moure/Antas de Ulla
A Deputación de Lugo vén de iniciar obras de mellora do último tramo da estrada provincial LU-P-0301, que é a vía de que conecta a capitalidade de Antas de Ulla co futuro Parque Central de Galicia. Esta actuación conta cun investimento de preto de 132.000 euros e previsiblemente estará rematada no mes de xuño, completando o acondicionamento integral da vía.

Os traballos, que afectan ao tramo comprendido entre os puntos quilométricos 3,657 e 6,527, arrincaron esta semana coa reapertura de cunetas e inclúen a pavimentación con aglomerado en quente e a mellora da sinalización, co obxectivo de preparar a estrada para soportar o alto volume de tráfico que se espera unha vez que o parque que proxecta a institución provincial no lugar de Nugallás entre en funcionamento.
As obras atópanse actualmente na primeira fase, que consiste na reapertura de cunetas, e a continuación realizarase a drenaxe necesaria mediante a colocación de tubaxes adecuadas e a limpeza de cunetas. Posteriormente, procederase á pavimentación con aglomerado en quente ao longo de todo o trazado, así como á sinalización da estrada con marcas reflexivas brancas e á renovación das sinais verticais que non se atopen en bo estado de conservación.
Publicidade
A Deputación destinou a esta actuación un orzamento total de 732.000 euros nas distintas fases. A actuación é parte da aposta da institución provincial por poñer en valor o centro xeográfico da comunidade autónoma, situado en Nugallás, na parroquia de San Fiz de Amarante de Antas de Ulla, tal como determinou o Instituto Xeográfico Nacional. Coas melloras na infraestrutura, busca garantir un acceso seguro e cómodo en ambas direccións tanto para os veciños como para os futuros visitantes do Parque Central de Galicia, contribuíndo así ao desenvolvemento económico e turístico da comarca.
Esta actuación é de gran relevancia para os veciños, xa que actualmente comunica coa provincia de Pontevedra por Rodeiro. A súa importancia aumentará considerablemente, xa que se converterá na principal arteria de comunicación para acceder ao Parque Central de Galicia. Estas obras son fundamentais para completar este novo atractivo turístico, que se espera que sexa un revulsivo significativo para a promoción económica e social do concello de Antas de Ulla, da comarca da Ulloa e da provincia de Lugo.
Comments