O encontro organizado pola Xunta permitiu establecer novas relacións comerciais grazas á presenza de prescritores de marcas e tendas especializadas de Londres, Estocolmo e Madrid, entre outros profesionais
Laura Moure/Agolada
A décima edición do Corazón da Artesanía. Encontro da Artesanía Tradicional e Popular de Galicia, organizado pola Xunta de Galicia, pechou onte as súas portas despois dunha fin de semana marcada pola afluencia de público no recinto histórico-artístico dos Pendellos de Agolada. Máis de 8.000 visitantes achegáronse entre o venres e o domingo ata o municipio de Deza, o que sitúa en 70.000 os asistentes das dez edicións celebradas ata a data ao evento de referencia do sector da artesanía en Galicia.
Corazón da Artesanía, organizado pola Consellería de Economía, Industria e Innovación, constitúe un evento integral destinado a divulgar os oficios artesanais, a impulsar a comercialización da marca Artesanía de Galicia e doutros produtos gourmet de calidade, así como a buscar sinerxías entre artesanía e outros sectores como a arquitectura, o deseño ou a gastronomía.
Publicidade
Na edición deste ano, destacou a presenza de prescritores de grandes marcas, así como de tendas especializadas de cidades como Londres, Estocolmo e Madrid, entre outros profesionais interesados na artesanía, que permitiron establecer relacións comerciais cos diferentes profesionais de Artesanía de Galicia que participaron no evento.
Outro punto destacable foi a alta afluencia de público aos concertos programados nesta décima edición, así como a participación nos diferentes obradoiros abertos a todos os públicos que se celebraron durante os tres días do Encontro.
Na edición deste ano, participaron 53 profesionais de Artesanía de Galicia que representan 25 oficios artesanais, 38 como expositores e outros 15 artesáns que participaron como docentes nos 8 cursos de formación e nos 6 talleres abertos para todos os públicos. Como en anos anteriores, o programa de actividades incluíu a iniciativa Artesanía no Prato, un proxecto que busca establecer sinerxías entre artesanía e gastronomía a través de demostracións de prestixiosos chefs en soportes de pezas elaboradas por 11 obradoiros de Artesanía de Galicia.
Os cociñeiros do grupo Nove Beatriz Sotelo, Héctor López (dous Soles Repsol) e Javier Rodríguez Ponte “Taky”, así coma o chef Jorge Gago, realizaron demostracións culinarias con produtos gourmet, de Galicia Calidade e de PescadeRías, e o hostaleiro Willy Gómez encargouse dunha sesión de coctelería empregando as pezas da colección O mundo do revés. Coctelería peliqueira, gañadora do Premio Artesanía de Galicia 2022 e elaborada por Laura Delgado. As actuacións musicais que complementaron a programación do Corazón da Artesanía 2023 foron Zumaque Trío, Mercedes Peón, Leilía, Galifunk Brass, Cantigas e Agarimos e Bico da Balouta.
NOTICIAS RELACIONADAS:
Anuncio desta edición: https://www.ecosdacomarca.com/post/o-encontro-coraz%C3%B3n-da-artesan%C3%ADa-celebrar%C3%A1-en-agolada-do-7-ao-9-de-xullo-a-s%C3%BAa-d%C3%A9cima-edici%C3%B3n
Aberto o prazo de inscrición para os cursos especializados: https://www.ecosdacomarca.com/post/a-xunta-abre-a-inscrici%C3%B3n-para-os-cursos-especializados-do-encontro-coraz%C3%B3n-da-artesan%C3%ADa-en-agolada
As actuacións musicais desta edición e horarios dos autobuses: https://www.ecosdacomarca.com/post/mercedes-pe%C3%B3n-e-leil%C3%ADa-centran-a-programaci%C3%B3n-musical-do-x-coraz%C3%B3n-da-artesan%C3%ADa-en-agolada
O PROGRAMA COMPLETO: https://artesaniadegalicia.xunta.gal/sites/default/files/documentos/Corazon_Artesania_2023_PROGRAMA_dixital.pdf
A gastronomía comparte cita en Agolada coa artesanía: https://www.ecosdacomarca.com/post/a-gastronom%C3%ADa-de-vangarda-volve-compartir-escenario-coa-artesan%C3%ADa-nos-pendellos-de-agolada-do-7-ao-9
Entrevista a Elena Fabeiro: https://www.ecosdacomarca.com/post/no-coraz%C3%B3n-da-artesan%C3%ADa-de-agolada-non-s%C3%B3-se-vende-sen%C3%B3n-que-se-fan-moi-bos-contactos
Reportaxe do primeiro día desta edición: https://www.ecosdacomarca.com/post/os-pendellos-de-agolada-rebrotan-coa-x-edici%C3%B3n-do-coraz%C3%B3n-da-artesan%C3%ADa
Vídeo de ECOS DA COMARCA con entrevistas aos artesáns nesta edición: https://youtu.be/Gdhp-sbycRU
Comments