O lume afectou unhas 20 hectáreas de superficie, a maioría de monte raso

O lume en Trabancas iniciado esta madrugada.
Autor: Andrea Roqueiro
Laura Moure/Agolada
A Consellería do Medio Rural informou hoxe dun incendio na parroquia de Trabancas, en Agolada. O lume orixinouse ás 05:30 horas desta madrugada, quedou controlado ás 10:11 horas e extinguido sobre a unha do mediodía.
Segundo as primeiras estimacións, sobre as 12:00 horas, a Xunta xa indicou que afectaba unha superficie dunhas 20 hectáreas e que estaba controlado desde as dez da mañá. O lume quedou extinguido ás 13:17 horas. Segundo as últimas estimacións afectou unha superficie de 19,8 hectáreas, das cales 0,3 son de monte arbolado e 19,5 de monte raso. Na súa extinción participaron cinco axentes, tres brigadas e catro motobombas.
A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais poderá ser consultada na conta aberta de twitter: @incendios085.
Lume, hoxe, en Trabancas.
Yorumlar