Conta atrás para a XGN Intermax World Champions Edition, que será en Silleda
A cita unirá novas tecnoloxías, informática e lecer dixital do 9 ao 11 de outubro
Laura Moure/Silleda
A XGN Intermax comeza a conta atrás para a súa 26ª edición, a cal se poñerá en marcha nunha semana no recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA de Silleda. Así, as novas tecnoloxías, a informática e o lecer dixital uniranse do 9 ao 11 de outubro nunha cita especial denominada World Champions edición, coa que fará unha chiscadela á vitoria da selección española de fútbol no Mundial.

O evento, cuxas inscricións están abertas na web www.xgnintermax.gal , contará coas súas zonas tradicionais, a Intranet e a Extranet. Así, como é habitual, a Intranet, orientada a inscritos, permitirá desfrutar dun posto con conexión de altas prestacións e dará dereito tanto a acampar como a participar en actividades exclusivas, mentres que a Extranet ofrecerá un completo programa de propostas tanto para os participantes como para quen visite o recinto.
PUBLICIDADE
En canto á dispoñibilidade destas áreas, a Intranet estará operativa para inscritos do 9 ao 11 de outubro á primeira hora da tarde, aínda que poderán acceder xa ao recinto o día 8 ás 16.00h na chamada preparty. Respecto á Extranet, poderase acceder o 9 e 10 de outubro de 10.00h a 20.00h, de forma gratuíta.
Formación, entretemento e intercambio de ideas uniranse nesta edición, que contará de novo co apoio da Xunta de Galicia, impulsora desta party, a través da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, e co patrocinio oficial de Intermax Technology. Grazas a
esta compañía tecnolóxica galega, a cal se incorporou ao proxecto en 2024, os
participantes poderán navegar por terceira vez a unha velocidade de ata 40 Gbps, o
dobre que antes da implicación de Intermax Technology no evento.
PUBLICIDADE
Un programa repleto de experiencias
A organización está deseñando estes días o seu programa de actividades, o cal volverá
estar marcado pola súa gran diversidade, especialmente a través de propostas dixitais
e inmersivas, pero tamén analóxicas, para descansar das pantallas sen deixar de
desfrutar da experiencia XGN. Competicións de arte dixital, modding (personalización
de equipos), videoxogos ou xogos de mesa, talleres, simuladores, xadrez ou pistas de
baloncesto son soamente algunhas das propostas que se están a pechar estes días.









Comentarios