top of page

Compromiso por Lalín incorpora en postos de saída a Tito Fernández Lamas e Carmen Santos

Foto del escritor: ecosdacomarcaecosdacomarca

Outra das novas caras deste partido será Hortensia Rielo, que irá de número 13


Ecos da Comarca/Lalín

O candidato de Compromiso por Lalín, Rafael Cuiña, anuncia a incorporación a postos de saída da lista para as municipais de Tito Fernández Lamas e Carmen Santos. Ocuparán, en concreto, os números 5 e 6 da candidatura, ampliando “o proceso renovación e fortalecemento da mesma con persoas de contrastada solvencia e experiencia na xestión”.

“Deseñamos un equipo pensado para gobernar Lalín con rigor e seriedade e, sobre todo, pensando nas necesidades da xente e no aproveitamento das potencialidades de Lalín. Nese obxectivo, a presenza de Tito e de Carmen vai resultar fundamental”, argumenta Cuiña.

Preme na imaxe se queres contactar connosco!

José Tito Fernández Lamas, número 5 para as vindeiras municipais, é de Lalín, está a piques de cumprir 63 anos e é pre-xubilado de banca. Licenciado en Económicas, como bancario desenvolveu boa parte da súa actividade profesional en Lalín, aínda que tamén traballou noutros municipios. Está vinculado dende hai medio século ao Balonmán Lalín, equipo do que chegou a ser presidente e membro de varias directivas.

Consciente de que a política municipal é a que de verdade serve para mellorar a vida da xente, Tito Fernández Lamas súmase ao proxecto de Compromiso como a mellor alternativa para avanzar nese obxectivo. Así, avoga por darlle un pulo á sanidade, á educación ou ao deporte e a poñer medidas para evitar que os mozos e mozas teñan que marchar de Lalín para atopar un emprego. Tamén aposta por recuperar “a sensación de liberdade” que houbo entre 2015 e 2019, e que fóra descoñecida en Lalín con gobernos anteriores.


Carmen Santos Rodríguez será a número 6 da lista de CxL. Natural do lugar de Barreiro, na parroquia de Vilanova, ten 55 anos e fixo FP administrativo. A súa experiencia profesional está moi ligada á xestión económica. Traballou dende o ano 1988 en control de custes, administración, fiscal e concursal, materias nas que estivo a facer formación continua con diferentes cursos ao longo da súa carreira.


Carmen Santos confesa que lle gustaría que Lalín ocupase un lugar privilexiado en Galicia, tanto en materia empresarial, como en atención social aos maiores ou no eido sanitario e no aproveitamento do rural. “Creo que todo isto é posible co proxecto que presenta Compromiso e por iso aceptei a proposta de Rafael Cuiña”, afirma.

Outra das novas caras da candidatura de Compromiso para estas municipais será Hortensia Rielo Sánchez. A número 13 da lista ten 70 anos e reside dende hai case medio século en Lalín: primeiro na Cacharela, onde rexentou o bar Terranosa, e agora en Delaparte, Goiás. Traballou dende os 14 anos en Vigo, Madrid ou París, ata chegar a Lalín con 22 anos. Exerceu de vendedora e manager sénior e de distrito nunha importante multinacional de cociña. Con 30 anos estudou estética e pouco despois abriu o seu centro, “Hortensia”, na rúa Xoaquín Loriga, onde ocupou a dirección, pero tamén a realización dos tratamentos máis especializados ata a súa xubilación.



0 comentarios

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page