O Consistorio de Vila de Cruces.
Autor: Ecos da Comarca
O BNG de Vila de Cruces recrimínalle ao equipo do alcalde, Luís Taboada, de incumplir o acordo de alternacia de alcaldía por parte de Xuntos. Publicamos o comunicado enviado polo partido nacionalista galego cruceño.
O pacto de investidura, acordado o 15 de xuño de 2019 foi claro, estando presentes as tres agrupacións políticas que o conformarían BNG, XUNTOS e PSdeG PSOE: tres votos de Xuntos, tres de BNG e un do Psoe para dar a Alcaldía os dous primeiros anos a Luis Taboada dende o 15 de Xuño de 2019 ata o 15 xuño de 2021, e sería o mesmo 15 de xuño de 2021 cando o voceiro do BNG, Álex Fiuza, sucedería na Alcaldía ao actual rexidor ata o remate do mandato en 2023. Certo que non existe acordo escrito, mais calquera escrito non ten valor se carece da vontade, tan só é cuestión de ética persoal, e no seu día o BNG cumplíu a súa parte do acordado, sen escrito de por medio.
Se ben é certo que nunca acreditamos moito na palabra de Luis Taboada, tampouco é menos certo que a necesidade dun cambio real e a ansia que se respiraba na poboación por rematar con 30 anos de políticas caciquís do PP, influíu na nosa decisión. Nese mesmo acordo o BNG comprometeuse a levar unha proposta de organización de goberno para o posible tripartito. Esa proposta foi presentada, e rexeitada repetidamente polo actual alcalde e o seu grupo, polo que o BNG solicitou unha contraproposta por parte de Xuntos que nunca chegou. Tras o pleno de organización celebrado o 15 de xullo de 2019 o grupo de goberno veu que se rexeitaban varios puntos na orde do día, entre eles as adicacións para os concelleiros, decidiron volver a reunirse Luis Taboada, Julio López, Mireya Otero e Mari Carmen Silva cos concelleiros do BNG Beatriz Gómez, Carlota Salgado e Álex Fiúza o mércores 17 de xullo de 2019, para volver retomar as negociacións , ou iso criamos dende o BNG.
Desa mesma xuntanza saíron dous pronunciamentos claros: o BNG reafirmabamos a nosa proposta, mais solicitábamos de novo unha contraoferta por parte do goberno, abrindo unha nova porta para negociar, mentres que pola parte do goberno (XUNTOS e PSOE) comprometíanse a presentar a mencionada contraoferta que nunca chegou. O BNG sempre se ofreceu para traballar dende o goberno, mesmo durante un pleno ordinario, lle entregou ao grupo de goberno, uns folios en branco para que eles mesmos redactasen as condicións coas que quererían que o BNG entrara, e posteriormente poder ter a opción de negocialas, oferta da cal tampouco recibimos resposta. De todo isto, podemos sacar en conclusión que en ningún momento tiveron en consideración a nosa entrada para facer un goberno forte e, que realmente impulsase un cambio para o noso concello.
Na última semana, BNG e Xuntos mantivemos unha reunión na que lle pedimos ao alcalde Luis Taboada un pronunciamento público de se ían cumplir o acordo de investidura no tocante á cesión da alcaldía ao BNG. Dende o noso punto de vista cremos que é unha actitude cobarde agocharse tras as declaracións do tenente alcalde, e debe ser Luis Taboada quen faga pública a súa decisión e os motivos reais.
Queremos desmentir e correxir as palabras de Julio López, nas que afirma que o pobo os elixiu a eles para gobernar, nada máis lonxe da realidade, quen lle deu os votos para ocupar “o sillón da alcaldía” como di el, foi o BNG máis o PSOE, con aquel acordo de dous e dous anos de alternancia.
Tamén queremos desmentir que o BNG fixera oposición da man do PP, o minigoberno ten unha visión moi distorsionada da realidade. Temos que recordarlle que foi Xuntos quen negociou da man do PP as adicacións exclusivas, a presidencia da Mancomunidade de Terras do Deza, o Plan Concellos da Deputación 2020 entre outras. Somos conscientes que os acordos co PP non son inocentes nin polo ben da cidadanía. XUNTOS e PP teñen unha estratexia clara, por un lado o PP é oposición dura de cara ao público, e polo outro pactan co único fin de evitar que o BNG teña influencia nas decisións municipais.
Polo que atinxe ao BNG, sexa fora ou dentro do goberno como correspondería se Xuntos cumprise co pacto do 15 de xullo de 2019, manteremos unha liña de traballo constructiva.
*Bng de Vila de Cruces
Julio López pronúnciase
Pola súa banda, o tenente de alcalde, Julio López, considera "que hai que ter moi pouca vergoña para no momento que estamos a vivir pensar exclusivamente en que hai do meu sen importarlle a veciñanza, e o máis triste é que diga que estamos mercadeando co diñeiro do contribuínte”.
Segundo López, o BNG "chama mercadear a que sexamos un partido razoable, e acorde
á situación na que estamos a vivir, que queren utilizar parte do remanente que teñen
para axudar ao comercio, á hostalería, á cultura, ao deporte e por suposto, ao turismo e
ao emprego, sen esquecerse dos temas sociais", apunta. "E como farán todo iso? Subindo as partidas económicas en todos eles, algo que non gusta á oposición do BNG, porque durante case estes dous últimos anos non fixeron outra cousa, que oposición votando da man do PP nas mocións e rachando todas as decisións do goberno, sen formar parte do mesmo, aínda que se lle propuxo varias veces".
E sinala que "agora pretenden que o alcalde se aparte e sexa Fiúza o alcalde, ameazando que se non é así votará en contra dos orzamentos, deixando a Vila de Cruces e a todos os seus veciños sen axudas e con moitas limitacións". López dille a Fiúza “que en política non todo vale e que se poña a traballar e que empece aprobando uns orzamentos, nos que o goberno incluíu unha partida de 60.000 euros para que decidisen eles en que os querían utilizar, e aínda así só pensa en ser alcalde”.
López espera que o PP "teña máis altura de miras" e cando di isto refírese "ao señor Souto,
e aos seus compañeiros, xa que do señor Otero non espero nada, porque segundo as
últimas declaracións de Otero na prensa di que, os orzamentos vanse a estrelar, e son
meras ocorrencias. Só pode dicir que é vergoñoso novamente, si vergoñoso que diga
que son ocorrencias subir as axudas a todos os sectores, que nestes intres están a pasalo
moi mal, e ademais outorgarlle 120.000 euros para que decidan en que utilizalos. Pero
esta é a oposición que temos, e eles son os donos e señores dos seus actos, pronto
sabererán todos e todas como actúan e en realidade o que lles importa", conclúe López.
Comments