Cati Somoza enmarca a dimisión de Begoña Vázquez nas “desavenencias internas” do goberno
“É unha mágoa que renuncie a concelleira máis sensata e con perfil máis dialogante de todo o executivo local”, afirma a voceira popular
Ecos da Comarca/Rodeiro
A voceira do Grupo Municipal do PP de Rodeiro, Cati Somoza, enmarcou onte a dimisión da concelleira socialista Begoña Vázquez no “clima de inestabilidade e nas desavenencias internas existente no goberno bipartito, tanto dentro do grupo socialista como nas relacións con Unidade por Rodeiro".

No plano persoal, Cati Somoza amosa o seu “absoluto respecto” pola decisión da edil socialista e agradécelle o traballo realizado á fronte das áreas delegadas, ademais de “desexarlle o mellor para o futuro”. “É unha mágoa que renuncie a concelleira máis sensata e con perfil máis dialogante de todo o executivo local”, resalta.
En canto á lectura política da dimisión, a voceira popular considera “lóxico” que Begoña Vázquez “queira ser correcta nas formas da súa saída” e que trate de “evitar airear a evidente falta de sintonía e as discrepancias existentes co alcalde e algúns dos seus compañeiros”.
PUBLICIDADE
“É comprensible que queiran vender cara ao exterior que o bipartito é unha balsa de aceite, pero todo Rodeiro sabe que houbo e segue a haber tensións internas”, asegura Cati Rodeiro, que lembra que “un dos motivos que puido minar a Begoña Vázquez foi o feito de que o alcalde, para esquivar a súa propia responsabilidade, tratara de culpala coa boca pequena da perda de 180.000 euros para o Servizo de Axuda no Fogar”.
PUBLICIDADE
“Non cuestionamos en absoluto o compoñente persoal da dimisión, pero si a súa afección á situación política do goberno, cun alcalde cada vez máis radicalizado e que debería estar máis centrado en atender as necesidades da veciñanza que en arranxar os problemas do PSOE”, opina Cati Somoza, que urxe a José Luis Camiñas “a explicarlle canto antes á veciñanza a reorganización das áreas que xestionaba directamente Begoña Vázquez”.
NOTICIA RELACIONADA:
Begoña Vázquez renuncia á súa acta de concelleira en Rodeiro "por motivos persoais e laborais": https://www.ecosdacomarca.com/post/bego%C3%B1a-v%C3%A1zquez-renuncia-%C3%A1-s%C3%BAa-acta-de-concelleira-en-rodeiro-por-motivos-persoais-e-laborais









Comentarios