Castroviejo advirte en Palas que Altri provocaría “unha situación sen retorno e gran perda patrimonial”
- ecosdacomarca

- 8 ago 2025
- 3 Min. de lectura
A Plataforma Ulloa Viva e o Instituto de Estudos Ulloáns convidaron a dar unha charla a este prestixioso biólogo
Ecos da Comarca/A Ulloa
A Plataforma Ulloa Viva e o Instituto de Estudos Ulloáns celebraron este xoves na Casa da Cultura de Palas de Rei unha charla do prestixioso biólogo e activista Javier Castroviejo Bolibar. Co título “O río Ulla. A paisaxe e os eucaliptos” falou Castroviejo desde a súa experiencia profesional. É Doutor en Bioloxía e investigador, e ademais foi director da Estación Biolóxica de Doñana (CSIC) e presidente do Consello Internacional de Coordinación; MaB Unesco (París).
Onte en Palas de Rei, alertou de que a loita contra Altri é “a defensa de valores e principios diante dunha administración insensible e a conta de resultados dunha industria”. Coa súa experiencia profesional, asegurou que a instalación da macrocelulosa na Ulloa “provocaría unha situación sen retorno e a perda dun patrimonio incalculable”.

Segundo asegurou Castroviejo en Palas de Rei, a macrocelulosa de Altri “sería a fin de algo que non volverá e que marcaría a colonización do resto de Galiza polas novas especies de eucalipto que soportan as xeadas” e que advertiu “están agora en plena expansión”.
Na súa charla en Palas de Rei, Castroviejo sinalou que o rexeitamento social ao proxecto de Altri “débese tamén a outras causas como os antecedentes da empresa, a actitude da Xunta de Galicia, os efectos da celulosa de Pontevedra, a contaminación das rías ou a eucaliptización masiva”. No que destacou o papel “dunha administración arcaica e corporativa, obsesionada coas plantacións de eucaliptos e coníferas, moitas exóticas, moitas en estado de abandono que enchen a paisaxe de enormes masas de combustible, viveiro de incendios”. Criticou que toda esta política se leva a cabo “a costa dos bosques e a paisaxe tradicionais”.
Diante dos incendios forestais que nos últimos días están a asolar Galicia e tamén o norte de Portugal, Javier Castroviejo advertiu que xa existe “un mapa da eucaliptización” polo que se poda falar de “dúas Galicias, a costeira eucaliptizada e a interior libre da especie invasora que se comporta como praga”. Sinalou que “si analizamos os datos dos incendios o que arden son as forestas plantadas, o bosque natural non arde”.
Publicidade
Os valores incalculables do Ulla
Na súa conferencia en Palas de Rei, Castroviejo referiuse “á xente” que habita o corazón de Galicia e que “non está disposta a perder o que sinten como propio e como seu mundo ancestral prolongado até o presente”. Falou ademais do “talento, a integridade e a firmeza da oposición” á macrocelulosa de Altri, aos que comparou coa “tenacidade dos celtas irlandeses e escoceses que botaron por terra o intento de aniquilación dos ingleses”.
Nomeou tamén como antecedente da loita contra Altri a levada a cabo en Pontecesures contra outra celulosa, a comezos dos anos 50 en Pontecesures. Nese caso, lembrou que a oposición frontal das mariscadoras e pescadores da Arousa e de José María Castroviejo -seu pai- “freou a celulosa de Pontecesures logo dunha longa e áspera polémica iniciada en 1951, e “a comezos dos 70 as mariscadoras impediron a instalación dunha fábrica de aluminio en Vilagarcía”.
Desde o punto de vista profesional, Castroviejo analizou a loita contra Altri explicando que a paisaxe do Ulla “mantívose nun razoable bo estado até o presente”. Sinalou que a paisaxe é “un concepto pouco usado en España” do que representa “un conxunto integrador resultado dunha coevolución e aproveitamento mutuo de oportunidades entre a natureza e o home” que ten dado lugar aos actuais “patrimonio natural e cultural, material e inmaterial”.
Publicidade
Javier Castroviejo dixo en Palas que “sen natureza non hai cultura, e sen cultura non hai nación”, e comparou a ameaza sobre o corazón de Galicia con Altri cos ataques e problemas que leva anos sufrindo Doñana, unha estación biolóxica da que foi director e mesmo redactor da Lei 91/1978 sobre o Parque Nacional de Doñana e do Real Decreto 357/1984, que modificou o Plan Almonte-Marismas.
Castroviejo sinalou “moitas semellanzas” con Doñana no caso da problemática sobre o proxecto de Altri en Palas “igual ou peor” sinalou, e advertiu que en caso de instalarse a macrocelulosa o Val do Ulla “podería desaparecer pola contaminación” e a paisaxe do interior da provincia de Lugo “sería eucaliptizada”.
NOS VINDEIROS DÍAS SACAREMOS ENTREVISTA CON EL.








Comentarios