Casares: "O Tribunal de Contas da UE xa destapara as carencias da Xunta na loita contra o lume"
- ecosdacomarca

- 27 ago 2025
- 2 Min. de lectura
O eurodeputado lalinense denuncia "a falta de traballos de mantemento nos cortalumes"
Ecos da Comarca/Xeral
O Informe Especial do Tribunal de Contas Europeo sobre o uso dos fondos comunitarios para combater os incendios forestais pon negro sobre branco o que levan anos denunciando os socialistas: “A Xunta de Galicia non está a garantir a sostibilidade das medidas de prevención e vive instalada na mentira e na propaganda”, asegura o eurodeputado e lalinense Nicolás González Casares.

O informe recoñece que desde o 2018, Galicia destina máis orzamento á prevención que á extinción, pero deixa clara unha realidade preocupante: a conservación dos cortalumes. Estes deben ser mantidos cada tres anos e o pasado ano, no 2024, só houbo previsión de traballos en menos dun terzo dos existentes. “Isto compromete a eficacia das medidas financiadas con fondos europeos e demostra que a Xunta non asegura a continuidade do investimento”, apunta González Casares.
Publicidade
O Tribunal de Contas Europeo é contundente ao recoller que existe unha dependencia excesiva de fondos da UE e non se garante unha financiación estable propia, o que significa que, cando non chegan fondos europeos, as accións preventivas quedan no aire, poñendo en risco tanto o monte galego como a seguridade das persoas. “Cómpre lembrar, e o informe tamén o subliña, que a competencia en política forestal e prevención de incendios é da Xunta de Galicia. Non vale botarlle a culpa a Madrid nin a Bruxelas, quen ten que planificar e manter no tempo os traballos é o goberno do PP en Galicia”, afirma Casares.
Publicidade
“Como eurodeputado socialista, seguirei a esixir en Europa que os fondos comunitarios se empreguen con eficacia e que non se utilicen como coartada para tapar a inacción e as mentiras da Xunta. Galicia merece unha política forestal seria, con prevención real e con futuro”, sentenza








Comentarios