Casares: “A conselleira de Medio Ambiente debería deixar de avergoñar a Galicia en Bruxelas”
- ecosdacomarca

- hace 7 minutos
- 5 Min. de lectura
Organizacións ambientalistas voltan ao Consello Galego de Medio Ambiente para esixir a dimisión da conselleira melidense
Ecos da Comarca/A Ulloa
O eurodeputado socialista lalinense, Nicolás González Casares, pediu este mércores á conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, que “deixe de avergoñar a Galicia” nas súas visitas a Bruxelas. “O mínimo que se lle pide a un conselleiro -indicou- é non avergoñar ao pobo que representa. Lamentablemente, parece que a fracasada lobbista de Altri non ten límite á hora de avergoñar ao país”.
Así o sinalou o eurodeputado galego, quen insistiu en que a conselleira está consolidando “unha nova tradición: ir a Bruxelas a criticar á xustiza española”. Neste senso, Casares lembrou que en 2024 Vázquez se reuniu na capital comunitaria co entón director xeral do Servizo Xurídico da Comisión Europea para tentar que o Executivo comunitario presionase ao Tribunal Superior de Xustiza da Unión Europea (TXUE) en relación co parón eólico en Galicia. “Agora a conselleira redobra o esforzo, nunha mostra máis de como entende o PP a súa relación coa xustiza: submisión ou p’adiante”, sinalou.
O eurodeputado tamén lamentou que a conselleira difundise “bulos” en Bruxelas para xustificar a matanza de lobos. “Nin os propios informes da Xunta sosteñen os bulos do PP en relación á necesidade de desprotexer os lobos. Non se pode facer máis o ridículo”, manifestou.
Igualmente, Casares mostrou a súa sorpresa pola defensa que a conselleira fixo en Bruxelas do mercado de carbono que a Xunta quere crear en Galicia. “Antes que pensar en mercados locais, a conselleira ben faría en convencer á súa familia política de frear os ataques ao ETS, o mercado de carbono da Unión que está a permitir reducir as emisións e facer fronte ao cambio climático”.
Publicidade
Por último, González Casares cualificou como “un exemplo máis do manual de manipulación da conselleira e da Xunta” a reunión mantida con membros da Dirección Xeral de Mercado Interior da Comisión sobre a reforma da lei de Costas do Goberno central. “Buscar o aval da Comisión Europea ás súas críticas a un proxecto legal aínda non aprobado só amosa o descoñecemento e a mala fe da conselleira”, a quen lle pediu que deixe de contradicirse. “Como se pode cifrar en miles de millóns de euros o impacto económico da reforma ao tempo que recoñece que nestes momentos é difícil aínda calcular o alcance concreto que terían os cambios propostos? Deben estar a aplicar os mesmos baremos que utilizaron para calcular os postos de traballo que ía crear Altri. Esa é a credibilidade desta Xunta”, concluíu.
Por outra banda, a organización ecoloxista ADEGA, a Federación Ecoloxista Galega (FEG) e a Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) asistiron onte ao Consello Galego de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible (COGAMADS) para esixir a dimisión da conselleira melidense Ánxeles Vázquez.

Regresan a este órgano de participación, consulta e asesoramento da Consellería de Medio Ambiente "após tres anos de ausencia, motivada pola reiterada actitude obstrucionista e antidemocrática da súa tamén presidenta do Consello, Ánxeles Vázquez, que ten impedido o debate de propostas ecoloxistas relativas á planificación eólica", recalcan. As organizacións entregaron unha declaración conxunta na que tamén sinalan o especial significado e transcendencia dos recentes pronunciamentos xudiciais relacionados coa caza do lobo e coa desprotección do territorio no que a factoría de Altri tiña intención de instalarse. Por todo o anterior, solicitan a dimisión da máxima responsable da Consellaría de Medio Ambiente.
Declaración conxunta das organizacións ambientalistas representadas no COGAMADS
"As organizacións ambientalistas representadas no COGAMADS acordamos retomar a nosa participación neste organismo consultivo após de 3 anos. O motivo da nosa ausencia foi a reiterada actitude obstrucionista e antidemocrática da Presidencia, que impediu debater propostas ecoloxistas relativas á planificación eólica e ao encaixe do actual modelo enerxético na sustentabilidade e resiliencia do territorio galego. Incumpriuse deste xeito o mandato do Decreto 74/2006 que crea e regula o COGAMADS, que ten entre as súas funcións (art. 2) “canalizar demandas e propostas relativas á sustentabilidade, procedentes de asociacións e institucións no ámbito da comunidade autónoma”, así como “servir de canle de participación e diálogo permanente entre os interlocutores sociais”.
En troques de diálogo, apuntan, "recibimos desprezo, ao forzar ás nosas entidades a acudir, como último recurso, á vía xudicial para tentar mitigar os efectos dunha planificación eólica caduca e insustentábel. Os tribunais refrendaron en repetidas ocasións os nosos argumentos, con sentenzas e medidas cautelares de paralización de máis de 90 proxectos, que sinalan a deficiente tramitación ambiental realizada pola Consellería de Medio Ambiente e que deixan en evidencia as eivas da actual planificación eólica. Coa nosa volta a este Consello, non podemos tamén deixar de sinalar o especial significado e transcendencia de dous recentes pronunciamentos xudiciais, ao abeiro de senllas demandas interpostas por entidades ecoloxistas".
Trátase, explican, "por unha banda, da sentenza da Sección 2ª da Sala do contencioso administrativo do TSXG que declara a nulidade parcial da Orde que aprobaba a Estratexia Galega de Infraestrutura Verde. Dita sentenza obriga a Xunta, en aplicación do principio de non regresión en materia ambiental, a recuperar a protección dun territorio coincidente coa parcela pretendida por Altri, que fora retirada de xeito ilegal pola consellaría. O máis grave é que o Tribunal indicou no seu fallo que a administración non achegou ningunha motivación para esta desprotección, feito o que considerou “estrano e contraditorio”.Por outra banda, a sala 2ª deste mesmo Tribunal Superior galego vén de desestimar a solicitude da Xunta de retirar a medida cautelar que no seu momento suspendeu, por denuncia das ecoloxistas, as batidas de lobos pretendidas por Medio Ambiente en varios concellos galegos. Nesta ocasión, o máis relevante é que o Alto Tribunal chamou a atención sobre que a Xunta non achegou ningún dato científico ou informes de campo para apoiar a súa petición, e que a baseou unicamente en recortes de prensa. Estes recentes pronunciamentos xudiciais evidencian non só o desprezo da Consellaría de Medio Ambiente pola lexislación ambiental e os procedementos administrativos legalmente previstos para a toma de decisións, senón tamén unha preocupante falla de criterio que abeira o acientifismo".
PUBLICIDADE
"Tal proceder, que se traduce tamén na continua modificación á baixa das normas de protección ambiental, é o que realmente está creando inseguridade xurídica con consecuencias negativas tanto para a protección ambiental como para un desenvolvemento económico respectuoso coa sustentabilidade. Son eses comportamentos trumpistas, desautorizados e postos repetidamente en evidencia nos contundentes autos e sentenzas xudiciais, os que nos move ás organizacións ambientalistas representadas no COGAMADS a solicitar a dimisión da máxima responsábel da Consellaría de de Medio Ambiente", conclúen.








header.all-comments