Casa Sánchez alzouse coa vitoria na III Edición do Camburguer de Rodeiro
- Laura Moure

- 20min
- 2 min de lectura
O segundo posto foi para Casa Achacán e o terceiro para o Pub Quirós
Laura Moure/Rodeiro
O Concello de Rodeiro pechou con gran éxito a terceira edición do Camburguer, unha iniciativa impulsada para dinamizar a hostalaría local, promover o consumo de proximidade e converter a gastronomía nun atractivo turístico e económico para o municipio.

Durante os días de celebración, centos de veciños e visitantes achegáronse aos establecementos participantes para degustar as diferentes propostas, confirmando o excelente momento que vive este evento, xa consolidado como unha das citas máis importantes do calendario gastronómico de Rodeiro.
Nesta edición vendéronse preto de 3.600 mini hamburguesas, unha cifra que evidencia a extraordinaria acollida do Camburguer e o importante impacto que ten na actividade económica dos negocios participantes.
PUBLICIDADE
Tras a valoración do xurado, a hamburguesa “The Caracas Smoke Gold” de Casa Sánchez proclamouse gañadora da III edición. O segundo premio foi para Casa Achacán coa súa proposta “Artebrasa”, mentres que o terceiro posto foi para Pub Quirós coa hamburguesa “Arcoiris Kambota”.
Como broche final ao certame, celebrouse o sorteo de cinco lotes de produtos, que recaeron en:
Verónica Moure García
Sandra Lorenzo Blanco
María del Mar Cambeiro
José López García
Jonathan García
A concelleira de Cultura, Turismo e Dinamización, Xulia Dacal, destaca a excelente resposta obtida nesta terceira edición e agradeceu a implicación de todos os establecementos participantes, así como da veciñanza e das persoas visitantes. “O Camburguer é xa un evento consolidado que demostra a capacidade da nosa hostalaría para innovar e ofrecer propostas de gran calidade. Ademais de dinamizar a economía local, serve para atraer visitantes e poñer en valor o talento e os produtos do noso municipio. O éxito desta edición anímanos a seguir traballando para que Rodeiro continúe sendo un referente gastronómico e de lecer na comarca”, sinala.
PUBLICIDADE
Desde o Concello de Rodeiro quérese expresar un especial agradecemento a todos os establecementos participantes polo seu esforzo, creatividade e implicación, así como á veciñanza e ás persoas que visitaron o municipio durante estes días, facendo posible que esta edición superase todas as expectativas.
O Goberno municipal reafirma así o seu compromiso coa organización de iniciativas que fortalecen o tecido económico local, impulsan a hostalaría e o comercio de proximidade, promocionan a gastronomía como sinal de identidade e contribúen a dinamizar a vida social e cultural de Rodeiro. O éxito desta terceira edición anima ao Concello a seguir apostando por eventos que xeran oportunidades para os negocios locais e proxectan unha imaxe atractiva do municipio.
PUBLICIDADE
Clasificación final da III Edición do Camburguer 2026
1º Premio: Casa Sánchez – The Caracas Smoke Gold
2º Premio: Casa Achacán – Artebrasa
3º Premio: Pub Quirós – Arcoiris Kambota
O Concello de Rodeiro xa traballa na próxima edición co obxectivo de continuar facendo do Camburguer un referente gastronómico da comarca, promovendo o talento da hostalaría local e dinamizando a economía do municipio.









Comentarios