Este colexio do rural ten 43 alumnos e o período de matriculación está aberto ata o día 22

O CEIP Arcediago, de Santiso.
Autor: Ecos da Comarca
Laura Moure/Santiso
O 22 deste mes rematará o prazo de matriculación en todos os colexios. O CEIP Arcediago de Santiso incluso fixo un vídeo para promocionar o seu centro e así dalo a coñecer. O propio alumnado contou como é o seu día a día neste colexio do rural. Pero tamén os pais e nais presumen das grandes vantaxes que ten este centro e todos remarcan a importancia de que máis nenos se matriculen para evitar que desapareza.
Esta é a resposta dunha nai dun neno que se matriculou este curso a unha pregunta que o Concello de Santiso lle fixo ás nais e pais dos alumnos e alumnas deste centro.
Carta dunha nai dun alumno do CEIP Arcediago:
Se nos peguntades ás nais e pais do alumnado do CEIP de Arcediago, no Concello de Santiso, as vantaxes que a nosa escola ten, diremos que valoramos profundamente todas e cada unha das súas pequenas diferenzas.
En primeiro lugar, somos unha cativa escola pública rural pero contamos con moi boas instalacións: gran pavillón deportivo, parque infantil, pista multideporte e un enorme recinto exterior con herba e horta, no que o alumnado pode correr, xogar e merendar. Son 43 alumnas e alumnos que, sen distinción de idade, coñécense polo seu nome e comparten xogos e palabras. Son 43 alumnas e alumnos que cada día saen ao exterior, a desfrutar do sol, do aire, da choiva, das amizades, de seren nenos e nenas…
Por outro lado, a atención ao alumnado é completamente personalizada, grazas aos grupos reducidos nas aulas. O proceso de aprendizaxe é natural e axustado ás capacidades e habilidades da cada neno e nena. Ao tratarse dunha escola con catro aulas (unha para todo infantil, unha para 1º e 2º, outra para 3º e 4º e a última para 5º e 6º) o alumnado aprende a traballar en equipo, a colaborar e a axudarse.
Tamén poderíamos facer fincapé na marabillosa fluidez nas relacións entre o profesorado e as nais e pais, sempre na procura de novas ideas, novos proxectos que implementar, que leven ás nosas nenas e nenos a unha optimización nas competencias fomativas pero tamén a un desenvolvemento integral das súas habilidades emocionais, afectivas e sociais.
Por último, esta é a única escola do Concello de Santiso, a rapazada da escola é a rapazada do Concello, co que hai unha absoluta implicación da escola na cultura e no desenvolvemeno do pobo e unha absoluta implicación do pobo no desenvolvemento da escola. Pero, e se lle preguntades ao alumnado que pensa da súa escola?
Xes ten sete anos, cursa segundo e este é o seu primeiro ano no CEIP de Arcediago. Fixo todos os anos anteriores nunha escola estándar dunha vila galega. Cando lle preguntas que lle gusta da súa escola, sen parar para respirar, di que o pavillón mola moito porque é grandísimo e fan moitos deportes e xogos divertidos (con e sen pelota); di que lle gusta escavar na terra e mezclala con auga para facer pócimas; di que lle gusta ver como medran o aguacate, as lentellas e as fresas que plantaron; que lle gusta merendar sentado na herba; que lle gusta xogar cos amigos e amigas porque son simpáticos e agradables e que todas e todos se respectan; que lle gusta axudar aos de primeiro, que son os pequenos, “super pequenos” da súa clase; que lle gusta que Miguel lles lea un conto cada semana; que Marga lles poña un video do día da Paz; que lle gusta a arte de María José; que lle gusta María porque é cariñosa, sempre sorrí e os trata con respecto; que lle gusta que Marta lles poña a Mozart; que lle gusta que Alfonso teña poderes como un superheroe, porque pode ver a quen se porta mal aínda que o teña detrás!!!! e que tamén lles aprenda as multiplicacións porque están chupadas …
E, por fin, para a respirar e di que o seu cole mola moito.
Commentaires