Carta aberta á veciñanza da agoladesa Susana Tato
- ecosdacomarca

- hace 11 horas
- 2 Min. de lectura
Susana Tato Pampín/Agolada
CARTA ABERTA Á VECIÑANZA
Compartimos en ECOS DA COMARCA esta carta aberta que nos enviou Susana Tato Pampín, concelleira do BNG de Agolada, pero recalca que é unha reflexión persoal (non como portavoz do BNG) sobre a forma de facer política e o compromiso coa veciñanza e a Agolada.

"Nestes días volvín comprobar algo que, por desgraza, xa sei hai tempo: cando unha di o que pensa e defende o que considera xusto, sempre aparece quen tenta retorcer as cousas ou buscar intereses agochados. Pero eu non falo dende o resentimento nin busco protagonismo; falo dende o corazón e dende a verdade que coñezo como veciña, como muller e como persoa que cre nunha política limpa e con sentido social.
Sorpréndeme ver a quen hai uns anos criticaba con forza ao Partido Popular, e agora o
defende con paixón. Sorpréndeme ver a quen cambia de discurso, de siglas e de principios como quen muda de roupa segundo a tempada.
E entristeceume ver que, en lugar de pensar no ben común, moitos parecen pensar só no
seu propio beneficio, na foto, ou na oportunidade do momento. Eu non sei facer política así. E, sinceramente, non quero aprender a facela así.
A min ensináronme que a política é servir, escoitar e poñerse no lugar do outro; que non se trata de “gañar”, senón de defender causas xustas; que a palabra dada vale máis que un
cargo e que a coherencia é o único patrimonio que unha persoa pode ter.
Por iso sempre dixen, e seguirei dicindo, que os meus principios non son negociables. Eu sigo e seguirei crendo nunha política social, próxima á xente, que poña ás persoas por riba dos intereses.
Creo nunha Galicia que teña voz propia, que defenda os seus servizos públicos, a súa lingua e a súa terra.
E si, creo no nacionalismo galego e na esquerda que non se vende nin se dobra, porque é a única que nos pode garantir dignidade e futuro. Sei que non sempre é fácil manterse firme.
Ás veces cansa ver como quen non fixo nada se leva o mérito, ou como quen sempre mirou cara outro lado agora dá leccións de moral.
Pero tamén sei que hai moita xente boa, honesta e traballadora, que non sae nas fotos, que
non busca aplausos, e que cada día fai país coas súas mans, co seu esforzo e coa súa verdade. Por esa xente sigo aquí.
Publicidade
Porque creo profundamente nunha Agolada viva, xusta, accesible e orgullosa de si mesma. E porque non me resigno a aceptar que a política teña que ser sinónimo de intereses persoais.
A min moitas veces acúsanme de ser clara, directa, incluso incómoda. E si, sono. Pero prefiro ser incómoda e coherente antes que calar para agradar. A política, para min, é un acto de conciencia, non de conveniencia.
Por iso escribo isto: para lembrar que a verdade e a decencia tamén contan. E que, mentres me quede voz, seguirei usándoa para defender o que creo, aínda que iso non dea votos nin titulares, porque os principios, cando son de verdade, non se cambian nin se
venden por nada".
Susana Tato Pampín







Comentarios