Carta aberta do alcalde de Vila de Cruces, Luis Taboada
- ecosdacomarca
- hace 1 día
- 2 Min. de lectura
Luis Taboada/Vila de Cruces
O alcalde de Vila de Cruces, Luis Taboada, escribe a seguinte carta aberta.

CARTA ABERTA
"Prezada veciñanza:
Elixín presentarme á alcaldía de Vila de Cruces logo dunha extensa e rica vida profesional e empresarial. Nunca pensara entrar en política, xa que as miñas ansias eran facerme un futuro no meu concello, sen ter que marchar, e formar unha familia aquí. Pero, chegado o meu retiro laboral e tendo saúde e enerxía, pensei que podía achegar algo de aire fresco á vida municipal, ademais dunha proveitosa experiencia en contacto coa realidade da xente. Por iso, con toda a ilusión do mundo, decidín presentarme á Alcaldía en 2019 configurando unha candidatura independente na que a mocidade e as mulleres tiñan unha
especial relevancia. De tres asentos no pleno pasamos a seis nos últimos comicios de 2023, multiplicando por dous a confianza do pobo.
Publicidade
O contacto coa veciñanza, atendendo persoa a persoa, presidiu a nosa acción de goberno, fundamentada nun proxecto ambicioso e pragmático de creación e mellora das infraestruturas, os servizos sociais e a cultura popular. Ademais das intervencións no núcleo urbano, as parroquias e o polígono industrial, arranxamos e melloramos de forma permanente pistas e camiños nas aldeas, espalladas por un territorio grande en superficie e beleza. Aproveitamos ao máximo os fondos propios e as axudas das outras Administracións Públicas, ás que concorremos acotío. O servizo de axuda no fogar, que melloramos moito o ano pasado, consome unha parte moi significativa do erario local; pero, para nós, é esencial unha prestación digna e suficiente para os nosos maiores. As
nosas festas, organizadas polo Concello ou en colaboración con asociacións e parroquias, son sempre un éxito visible de participación e asistencia. E desde a a Alcaldía mantemos un significativo respaldo aos nosos artistas e agrupacións musicais de toda índole. Pero non estou satisfeito nin quero que me dean as grazas por cumprir o mandato dos meus paisanos; quero máis para Cruces, porque é a miña obriga de alcalde.
Pola contra, si estou satisfeito, e moito, coa miña historia anterior á política municipal. Traballei na construción máis de corenta anos. Fixen obra pública e promoción privada en Cruces e na comarca. Cheguei a ter 24 empregados nalgún intre e, seguramente, dei ocupación a unhas setenta ou oitenta familias; algo que me enorgullece de maneira sobresaínte. En todo ese tempo aprendín a xestionar equipos e compartir o traballo con xente da que era responsable.
Publicidade
Sempre traballei por conta propia, como autónomo, unha experiencia que só temos os emprededores e que che amplía a visión do mundo e das cousas. Desde hai seis anos traballo por conta allea, sen ningún salario, para os meus veciños e estou encantado de facelo: Con humildade e cercanía, con vocación de servizo público e con amizade cultivando os afectos. Unha vivencia que me enriquece como persoa e pola que estou moi agradecido. Xa me coñecedes!".
Luis Taboada, alcalde de Vila de Cruces.