top of page

Carme da Silva visita Silleda no aniversario da entrada en vigor das bonificacións da AP-53

“É a demostración da política útil do BNG ao servizo da Galiza”, recalca a senadora nacionalista


Ecos da Comarca/Silleda

A senadora do BNG celebra en Silleda o primeiro aniversario da entrada en vigor das históricas bonificacións de até 75% conseguidas pola organización nacionalista no Acordo de Investidura. Carme da Silva reivindica este feito e exemplifica "a política útil que representa o BNG na defensa dos intereses dos e das galegas ao supor, estas rebaixas, un importante alivio económico para as persoas usuarias dunha vía tan importante para a vertebración da Galiza". No acto, a senadora estivo acompañada polos concelleiros do BNG en Silleda, Erea Rei e Xerardo Díaz, así como polo responsable comarcal, Xoán Blanco, e a vicerresponsable comarcal, Carme Fidalgo.

Recalca que se cumpre un ano da entrada en vigor "destas históricas bonificacións que permitiron unha maior utilización da Autoestrada Central de Galiza por parte das persoas usuarias e, ademais, unha maior seguranza viaria para os núcleos de poboación que atravesa a N-525 ao veren diminuído o seu tráfico".


Aforros de até máis de 5.000 euros anuais para persoas usuarias recorrentes

Da Silva destaca que estas bonificacións, que entraron en vigor o 9 de abril de 2025, “son un exemplo claro da política útil do BNG, da que mellora a vida das persoas con feitos concretos e non con promesas baleiras”, subliñando o impacto directo que tiveron no peto das familias e do tecido produtivo galego.


No balance deste primeiro ano, a senadora nacionalista pon cifras exactas ao aforro acadado polas persoas usuarias recorrentes. No caso dos vehículos lixeiros, o aforro anual ascende a 3.813,75 euros, tomando como referencia tanto as tarifas de 2025 como as actuais de 2026. Pola súa banda, os vehículos pesados tipo I acadaron un aforro de 4.284 euros, mentres que nos pesados tipo II o aforro elévase até os 5.085 euros.

 PUBLICIDADE

“Estamos a falar de cantidades moi importantes que marcan a diferenza na economía diaria de moitas familias e tamén na viabilidade de moitas empresas e profesionais do

transporte” destaca.


Un paso adiante cara a unha AP-53 libre de peaxes

A senadora nacionalista incide en que esta medida, conseguida polo BNG co Acordo de Investidura, corrixiu unha situación de agravio histórico, xa que a AP-53 era a única autoestrada galega que non contaba con bonificacións. “O BNG conseguiu o que durante anos non fixeron nin PP nin PSOE: acabar cunha inxustiza que penalizaba especialmente ás comarcas do interior do país” afirma con contundencia Carme da Silva.


Na mesma liña, Da Silva recalca que estas bonificacións non só supoñen un aforro económico, senón que tamén contribúen a dinamizar a actividade económica, mellorar

a competitividade empresarial e facilitar a mobilidade diaria. “Cada euro que as galegas e galegos aforran en peaxes é un euro que pode destinarse a consumo, a investimento ou a mellorar a súa calidade de vida. Esa é a política que defendemos: poñer os recursos ao servizo da maioría social” engade.


A senadora nacionalista asegura que o BNG seguirá traballando en Madrid para avanzar na eliminación total das peaxes nesta infraestrutura. “Este foi un paso moi importante, pero non nos imos conformar. O noso obxectivo segue sendo unha AP-53 libre de peaxes, porque é de xustiza para a Galiza” sentenza.

 Publicidade

Preme para obter máis información.
Preme para obter máis información.

"Co BNG, Galiza gaña descontos históricos"

Pola súa parte, a voceira municipal do BNG no Concello e Silleda, Erea Rei, pon en valor o "traballo incansábel do BNG nas Cortes do Estado -tanto no Senado como no Congreso- na defensa dos intereses da Galiza e a mellora das condicións de vida dos galegos e galegas". Neste sentido, aos datos aportados por Carme da Silva, Rei suma os descontos no tramo entre Silleda e Santiago de Compostela: “para un viaxeiro recorrente de Silleda a Santiago -22 viaxes ao mes- supón un aforro de 143 euros por mes, xa que pagas 47,85 euros/mes frente aos 191,40 que pagarías sen desconto”.


Así mesmo, engade que seguirán traballando man a man coa senadora nacionalista para poder ver cumprido o arranxo da saída da AP 53 ao seu paso por Lamela e garantir o bo mantemento e adecuación das estradas nacionais (N525 e N640).



Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page