Carboeiro supera as 3.600 visitas en agosto e pecha un verán con excelentes cifras de afluencia
O 85% das persoas consultadas visitaron tamén a Fervenza do Toxa na mesma xornada, evidenciando a complementariedade dos dous grandes recursos turísticos da zona
Laura Moure/Silleda
O Mosteiro de Carboeiro, de Silleda, pechou o mes de agosto cun total de 3.657 visitantes, unha das mellores cifras rexistradas no antigo cenobio para este mes. Aínda que non se trata do máximo histórico dun agosto, o dato de 2026 sitúase entre os cinco mellores rexistros contabilizados ata o momento. A elevada afluencia de agosto dá continuidade aos bos datos rexistrados durante os meses anteriores. Así, en xuño contabilizáronse 1.636 visitas, mentres que en xullo foron 1.967, de xeito que entre os tres meses o monumento recibiu 7.260 visitantes.
O perfil das persoas que se achegaron a Carboeiro durante agosto mantense semellante ao habitual. Predominan as mulleres de entre 35 e 65 anos, que chegan maioritariamente en vehículo particular e acompañadas da familia, despois de coñecer ou localizar o monumento a través de buscas na internet. Un 7% das persoas visitantes chegou a pé, ben a través do Sendeiro do Deza, que comunica a Fervenza do Toxa co Mosteiro de Carboeiro, ou ben dende a contorna do balneario situado na outra marxe do río.

Carboeiro e a Fervenza do Toxa, unha visita conxunta
Entre os datos recollidos durante agosto destaca especialmente a estreita vinculación turística entre o Mosteiro de Carboeiro e a Fervenza do Toxa. Segundo as consultas realizadas ás persoas visitantes, un 85% visitou tamén a fervenza durante a mesma xornada.
Entre o resto, figuran persoas que aínda non decidiran se acudirían á fervenza e outras que xa a coñecían de visitas anteriores ou que non podían achegarse por cuestións de mobilidade ou falta de tempo.
PUBLICIDADE
Estes datos poñen de manifesto o atractivo conxunto que representan Carboeiro, a Fervenza do Toxa e o Sendeiro do Deza, combinando patrimonio, natureza e sendeirismo nunha mesma contorna.
Máis visitantes do resto de España e maior internacionalización
No que respecta á procedencia, continúa destacando o turismo chegado de fóra de Galicia. As persoas procedentes do resto de España representaron en agosto o 53% das visitas, con máis de 2.050 persoas. Sobresae especialmente a Comunidade de Madrid, con 731 visitantes.
As visitas de procedencia galega representaron o 28%, con máis de 1.100 persoas. Destaca especialmente a provincia de Pontevedra no seu conxunto, mentres que, por localidades, sobresae A Coruña, con 130 visitantes. Especialmente significativo é tamén o peso cada vez maior do turismo internacional. Durante agosto chegaron a Carboeiro 739 persoas procedentes do estranxeiro, de países tan diversos como Arxentina, Suíza, Nova Zelandia, Polonia, Xapón, Portugal ou México, entre outros.
PUBLICIDADE
Entre os principais países de procedencia destacan Francia, con 99 visitantes; Alemaña, con 67; Holanda, con 56; e Inglaterra, con 41. Os datos confirman así unha procedencia cada vez máis diversa e unha crecente internacionalización das visitas ao Mosteiro de Carboeiro.
Novo horario a partir do día 16
Por outra banda, o mércores 16 de setembro entrará en vigor o horario de outono no Mosteiro de Carboeiro, coincidindo coa progresiva redución das horas de luz natural.
Dende esa data, o monumento poderá visitarse de martes a domingo, de 11:00 a 14:30 e de 16:00 a 19:00 horas. Os luns, como é habitual, permanecerá pechado ao público.
Este horario manterase ata finais de outubro, cando, coincidindo co cambio oficial de hora, entrará en vigor o horario de inverno.









Comentarios