Perruquería Marisa.png

ESPAZO DISPOÑIBLE PARA ANUNCIARSE

Pladur Touro.png

ESPAZO DISPOÑIBLE PARA ANUNCIARSE

"Eu quero cantar, quero tocar, é a miña maneira de expresarme e quero compartilo coa xente"

Actualizado: mar 29

"Ca pandemia os sectores da cultura somos un dos máis afectados porque somos os primeiros en pechar e os últimos en abrir, sempre estamos en terra de ninguén"

MJ Pérez.


ENTREVISTA Á ARTISTA ARZUÁ MJ PÉREZ

Laura Moure/Arzúa

María José Pérez Ferreira, máis coñecida como MJ Pérez, é unha das voces máis recoñecidas do panorama da música galega actual. É natural de Arzúa e estudou Comuniación Audivisual e realizou o mestrado de Produción e Xestión Audiovisual. Iniciou o seu percorrido en 2014 e acumula gran cantidade de concertos por diferentes cidades e vilas galegas e portuguesas e xa publicou o seu cuarto álbum.


1. O domingo pasado foi o Día Internacional da Poesía. Por que á poesía está vencellada coa súa traxectoria na música?

Eu no inicio de todo isto cando comecei a tocar a guitarra o que máis me atraía era tocar e cantar. Eu tiña a imaxe de min coma unha persoa que non valía para escribir, que para iso tiña que ter coma unha especie de don. Pero cando estaba na facultade apunteime non sei porqué a un curso de poesía, que impartía Iolanda Castaño. Eu mesma me preguntei que facía alí senón non sabía escribir porque era o concepto que tiña. Pero lanceime e nese curso vinme obrigada a intentar escribir e foi aí cando atopei unha parte de min que eu non coñecía. E ademais non é só o feito de lanzarme a escribir e deste xeito empezar a facer as miñas propias cancións e así arrancar este proxecto, ademais nese curso coincidín con moita xente do mundo da poesía. Xente que despois sacou os seus propios poemarios e que eu acompañei a presentar nas principais cidades de Galicia, tanto Mercedes Leobalde como Luís Abad, que son as dúas persoas principais coas que estiven xirando por aí. Por iso os meus inicios foron comezar a cantar onde podía e tamén facelo en presentacións de poemarios e de recitais e iso achegoume a un público moi interesante para o que eu fago, que é o público do mundo da poesía.


2. Como se leva ser unha das novas voces do panorama actual da música galega?

Eu nunca soñei nada porque este proxecto naceu con cero pretensións. Cando eu saco algún novo traballo, porque a medida en que vas evolucionando e profesionalizándote e tamén empezas a vivir disto, comezas a velo dun xeito máis profesional, que non quere dicir que perdas de vista as túas orixes. Pero si que as veces perdes un pouquiño a perspectiva no sentido, de que xa me ten pasado, de ver que algunha cousa non ten aparentemente moita acollida e eu desilusionarme. Cando iso me pasa recórdome a min mesma como comecei e porqué comecei. A premisa deste proxecto é que eu quero cantar, quero tocar, é a miña maneira de expresarme e só quero compartilo coa xente. E así é como empecei e por iso autogravei os meus discos e isto para a industria musical cando ves un cantautor que se grava na casa moitos din que non é un disco que teña calidade sonora e técnica, pero ten unha esencia. E tal e como hai xente que busca un proxecto, mímao moito e só cando ten a punto de caramelo lánzao, o meu proxecto naceu xusto ao revés. Naceu do impulso e sen ningunha pretensión, pero co tempo tivo moita acollida, e esta tamén te leva a ter máis concertos e con iso poder investir un pouco máis no seguinte disco e foi en nivel ascendente. E sempre é mellor ir para adiante que para atrás. Pero cando levas cero pretensións todo o bo que che veña suma. Pero cabe mencionar que chega un punto no que o que estás facendo é traballar, é o teu traballo, e é lóxico que cobres e iso hai que poñelo en valor porque a xente parécelle que no mundo das artes traballamos por amor o arte, pero tamén temos que comer. Pero que pasa? Que a arte permite que ti teñas aí as cancións e a xente poida desfrutar e atopar algo nelas. Ten ese lado máxico.


3. Que cante na nosa lingua é marabilloso. Pero considera que o galego lle abre ou lle pecha portas?

Ten ambas caras. Cando din que pecha portas porque non se entende é un argumento moi vago. Abre portas no sentido de que cando cantas nunha lingua que o fai moita xente é certo que podes chegar a máis público, pero es unha máis. Pero cantar na nosa lingua é un elemento máis distintivo e iso moitas veces é unha riqueza. E por outro lado, e aínda que haxa xente que non o queira crer, si que che abre portas de cara a lusofonía, porque eu tamén canto en portugués. Eu mesma vin como en moitos dos meus vídeos de Youtube chegan a brasileiros, que empezan a descubrir o galego ou aqueles que están investigando sobre as orixes do portugués e descobren que existe o galego e empezan a escoitarte. E de feito, os brasileiros din que entenden mellor aos galegos pola nosa dicción que aos portugueses. Tamén me pasa cando vou a Portugal e canto en portugués e dinme que é moi bonito, pero pídenme que lles canten en galego porque queren escoitalo. Pero sexamos realistas. Nalgúns casos hai xente que senón entende practicamente todo o que estás dicindo non o quere escoitar. E hai unha parte do público que ten prexuízo. Hai xente que escoita cancións en inglés, que se supón que todos temos un nivel básico de inglés, pero na realidade non é tan así, pero gústalles porque é a canción que está de moda e en realidade non a están entendendo nada, pero contra o inglés non se ten prexuízos, pero contra o galego si. Entón que unha persoa de fóra de Galicia non o escoite porque di que non entende o galego, pero si é capaz de facelo noutros idiomas... Por exemplo, Salvador Sobral gaña Eurovisión con esta canción e gusta e é en portugués, entón cal e o problema co galego ou con outro idioma? Entón simplemente son prexuízos que non teñen que ver co propio artista.


4. Como está levando, como artista, a pandemia?

Eu vivino especialmente mal coma tantos outros compañeiros. Eu viña de presentar un disco no que puxen toda a ilusión e é o máis longo que fixen ata o momento, con 15 temas. E agora é como nadar a contracorrente ao lanzar discos tan longos cando a industria vai de single a single e o público demanda esa estrea continua. Hai quen pensa que sacar un disco de 15 temas é ser un kamikaze, pero eu fixen esa aposta e foron dous anos de traballo intenso e cunha inversión grande, porque son unha artista que me autofinancio a min mesma porque non teño padriño e ningún tipo de financiación externa. Con toda a ilusión fun á Festa do Queixo, era a primeira vez que me subía ao escenario desta festa, sendo arzuá, así que imaxina o nivel de ilusión! Presentei o disco na sesión vermú que é onde mellor cadra o meu disco porque é de bailar, vin como a xente bailou e desfrutou e foi o primeiro e o último concerto no que puiden ver á xente bailar. O problema real da pandemia e con tanto abre e pecha os da cultura somos un dos sectores máis afectados porque somos os primeiros en pechar e os últimos en abrir. Sempre estamos en terra de ninguén e ese é o principal problema. Por moito que saques un disco e lle insistas á xente nas redes para que o escoiten ata que non veñen a un concerto moitas veces non o escoitan porque necesitan esa conexión para que haxa esa chispa. Ah! E quero lembrar que a contratación está aberta.


5. Que ten de especial o teu último disco A luz prendida?

Ten de especial para min que ten un punto distinto, pero sen perder a esencia porque eu viña máis de Pop Rock sobre todo, cun estilo as veces cañero, e de repente empezáronseme a meter no corpo as ganas de buscar ritmos máis latinos, de xogar máis por aí. No anterior disco fixen temas como Ai de min no que metín ventos e a verdade que unha vez te namoras dos ventos estás perdida porque despois xa os queres meter por todos lados! Neste disco metín moito vento, pero é un disco que ten moito de todo, sobre todo prima os ritmos latinos e a música de verdade, pero a canción de autor como base principal. E despois é un disco no que cada canción conta unha cousa, pero si que é certo que é un disco que está pensado para xente que o queira desfrutar ao 100% que o poida escoitar de principio a fin, porque é un camiño guiado e collo ao ouvinte da man dicíndolle imos a percorrer un camiño. O título A luz prendida, que tamén é o nome do tema principal do disco, resume o espíritu do disco. A luz de 15 temas que eu poño aí e que quero dicir un pouco: aquí vos deixo esta luz, se te queres achegar a ela e se che pode servir de algo pois aquí a tes, é túa.



89 vistas0 comentarios
IRS.jpg

ESPAZO DISPOÑIBLE PARA ANUNCIARSE