“En galego, ata o infinito e máis alá!”: Arzúa impulsa unha programación centrada nas crianzas e no galego
- Laura Moure
- hace 10 minutos
- 2 Min. de lectura
Laura Moure/Arzúa
Concello de Arzúa, a través da Concellería de Lingua, pon en marcha unha nova campaña de dinamización lingüística baixo o lema “En galego, ata o infinito e máis alá!”. A proposta, que se desenvolve co gallo das Letras Galegas, quere tamén reivindicar este mes como unha oportunidade para actuar con compromiso compartido diante da perda de falantes entre as xeracións máis novas. Por iso, está dirixida ao público infantil e ás familias, composta maioritariamente por contacontos, ainda que tamén inclúe unha actuación teatral.
A concelleira de Lingua, Lucía López, advertiu sobre os últimos datos publicados polo Instituto Galego de Estatística: “Segundo o IGE, o galego é descoñecido para a maioría das nenas e nenos de entre 5 e 14 anos. Sempre evito ser alarmista, pero estamos a falar de que apenas 1 de cada 10 crianzas menores de 14 anos empregan o galego no seu día a día. Esta realidade debería interpelarnos a todas e todos. Desde os concellos temos a obriga de crear espazos e experiencias en galego desde as idades máis temperás”.

A campaña desenvolverase entre maio e xuño, cun total de cinco actividades, catro delas centradas na narración oral e unha cun formato teatral. A maior parte das sesións terán lugar na Biblioteca Municipal Rosalía de Castro —un espazo que se quere reforzar como lugar habitual de encontro, aprendizaxe e lecer compartido para toda a familia—, mentres que unha delas será acollida pola Escola Infantil Galiña Azul, desde onde se convidará as familias a participar.
“Queremos que as máis pequenas e pequenos vexan a biblioteca como un lugar amable, que ensina, entretén e libera. Normalizar que se visite como un espazo de lecer máis, como poden ser os parques ou as prazas. Ao tempo, queremos que as familias coñezan os seus servizos: hai renovación constante de títulos e propostas para facer do galego unha alternativa de lecer máis”, destacou López.
Programación completa:
Venres, 23 de maio. 18 horas. Biblioteca Municipal Rosalía de Castro. "Filipa cos contos", de Bandullo Azul. Público familiar.
Venres, 30 de maio. 18 horas. Biblioteca Municipal Rosalía de Castro. "Contos nas orellas", de Migallas Teatro. Público familiar.
Venres, 6 de xuño. 18 horas. Biblioteca Municipal Rosalía de Castro. Contacontos ilustrado "Cantareiras. A poesía popular nas letras galegas 2025" de Polo Correo do Vento. Público familiar.
Mércores, 11 de xuño. 10 horas. Escola infantil Galiña Azul. "Entre arrolos e contiños", de Migallas Teatro. Función escolar.
Venres, 20 de xuño. 18 horas. Biblioteca Municipal Rosalía de Castro. "Vicki e a felicidade", de Bandullo Azul. Público familiar.
Publicidade
Lucía López explicou tamén a vontade de continuidade deste tipo de actividades ao longo do ano, estendéndoa a outras franxas de idade: “Esta é a primeira parte dun programa que desde a concellería queremos desenvolver durante todo o ano. Traballamos coa vista posta no último trimestre deste 2025, onde queremos achegar o galego ás nenas e nenos noutras franxas de idade. Queremos facelo con actividades enfocadas a cuestións que sexan de interese para eles. Amosar que o galego non presenta ningunha limitación en ningún campo da vida. Da igual que falemos de videoxogos, tecnoloxía, deportes, ciencias… É unha lingua que serve para crear, para xogar e para soñar. Para chegar ata o infinito e máis alá”.
Comments