top of page

Arzúa lanza «Galegifate»: unha campaña pioneira que dá vida ao galego en forma de GIF animado

Laura Moure/Arzúa

A Concellaría de Cultura do Concello de Arzúa vén de poñer en marcha Galegifate, unha campaña innovadora que busca promover o uso da lingua galega nas plataformas dixitais a través de GIFs animados, co obxectivo de achegar o idioma á comunicación visual e expandilo en espazos onde aínda ten pouca presenza. Vivimos tempos de comunicación inmediata e visual, nos que expresamos emocións, reaccións e ideas a través de imaxes en movemento. GIFs, emoticonas e stickers converten o noso xeito de falar en contido visual, que circula a gran velocidade polas redes sociais e apps de mensaxería. Porén, a falta de representación do galego neses formatos dixitais merma a súa presenza, e con ela, a súa vitalidade e transmisión entre xeracións.

“Con Galegifate queremos facer visible o noso idioma tamén na cultura visual, tan presente na comunicación actual. O galego pode rir, emocionar, protestar ou namorar… tamén dende unha pantalla”, explica José Luis García López, concelleiro de Cultura do Concello de Arzúa.


A través da conta oficial de Galegifate en plataformas como GIPHY e Pinterest, os usuarios poden atopar GIFs organizados por temáticas —expresións galegas, gastronomía, flora e fauna, tradicións, Camiño de Santiago, etc.— e descargalos ou compartilos de xeito doado.


A campaña nace tamén co propósito de poñer en valor expresións propias do galego, moitas delas en risco de desaparecer, levándoas ao terreo dixital onde poidan seguir vivas, empregadas e recoñecidas.


Publicidade

Preme na imaxe se queres contactar connosco.
Preme na imaxe se queres contactar connosco.

Galegifate é un proxecto aberto e colaborativo, no que animadores, ilustradores e creadores de contido poden sumar os seus propios GIFs en galego usando as etiquetas #Galegif e #Galegifate, favorecendo así a súa difusión e accesibilidade. A web oficial da campaña (www.galegifate.com) ofrece información detallada, guía de uso, FAQs e acceso directo á descarga das aplicacións de GIFs, así como aos recursos visuais dispoñibles. Con Galegifate, Arzúa reafírmase como referente na promoción da cultura e da lingua galega, tamén no eido dixital.




Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page