Avanza a restauración do mosteiro de Camanzo que xa rolda o 50% da execución
A Xunta inviste nesta actuación de Vila de Cruces 273.000 euros
Laura Moure/Vila de Cruces
A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, está a avanzar nas obras de restauración e conservación do Mosteiro de San Salvador de Camanzo, no concello de Vila de Cruces, posto que xa rolda o 50% da execución desta mellora, na que se invisten 273.000 euros. O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, informou esta mañá do estado da actuación nunha visita de supervisión ao desenvolvemento dos traballos, na que estivo acompañado polo alcalde cruceño, Luis Taboada, e por outros representantes municipais e na que anunciou que as previsións apuntan a que os mesmos estarán rematados o vindeiro verán.
A actuación impulsada neste cenobio é de gran calado e oriéntase a dotar ao conxunto eclesiástico de seguridade estrutural, ao tempo que facilita a visita pública a este monumento por parte dos cidadáns.

Por elo, a intervención que se está a desenvolver contempla traballos de conservación e mantemento, onde tamén se corrixen os efectos do deterioro causados polas humidades e se acomete a reparación das filtracións de auga.
Para o resto do complexo, a obra inclúe a limpeza xeral de muros do patio, da contorna das edificacións e da zona do atrio, garaxe e sancristía, a reconstrución do actual forxado da casa reitoral na zona da antiga lareira para a súa posterior restauración seguindo as técnicas construtivas tradicionais e a colocación de luminarias no patio do claustro mediante lámparas con tecnoloxía Led.
Tamén se proxecta a conservación dos edificios auxiliares de uso agrícola e os fornos abertos ao patio, do ámbito relacionado coa antiga cociña, a revisión da estrutura do corredor exterior e a limpeza, acondicionamento e conservación do patio. Neste caso, prestarase especial atención ao tratamento fitosanitario da vide centenaria que hai neste espazo, reconstrúese a viña orixinal seguindo as técnicas tradicionais e aplicarase un tratamento preventivo necesario para garantir a súa supervivencia.
Así mesmo, a actuación abranguerá a restauración das portas que dan ao patio, a reparación das humidades que aparecen no ábside da igrexa e a colocación dunha gárgola de chumbo para manter seca a fachada do templo, así como a retirada dos elementos de formigón do lagar.
A maiores, estase a facer, de xeito paralelo ás obras, un rexistro e inventario dos elementos, obxectos, enseres e pezas de interese etnolóxico, histórico, artístico e relixioso que se conservan neste mosteiro, especialmente aqueles que se atopan nos locais de uso agrícola e que están vencellados ao patio.
Deste xeito, e cando se rematen estas obras de conservación, a Consellería de Cultura ten previsto, a medio prazo, a elaboración e deseño dun Plan Director orientado a determinar os usos axeitados para este cenobio co obxectivo de garantir a súa conservación sostible e favorecer que sexa empregado e visitado habitualmente polos cidadáns.
Con respecto ás manifestacións do goberno local de Vila de Cruces sobre a visita do Delegado Territorial da Xunta, Luis López, ao Mosteiro de Camanzo, o propio representante autonómico quere facer as seguintes aseveracións:
"As manifestacións do goberno local de Vila de Cruces referíndose a que a restauración de Camanzo é o único investimento da Xunta de Galicia no municipio non se corresponden coa realidade, posto que hai moitas outras actuacións recentemente acabadas, en marcha ou a punto de iniciarse por un valor superior aos 3 millóns de euros.
Entre estas actuacións figuran, ademais da citada do mosteiro, a mellora da estrada PO-960, que está pendente de que haxa varios días sen choiva para rematala co seu pintado; a rede de camiños da concentración parcelaria de Brandariz; a concesión hai uns días de 70.000 euros do Plan Marco para a mellora de camiños; as melloras de augas con 50.000 euros Fondo de Compensación Ambiental; a partida anual para o sostemento da Casa do Maior; o Fondo de Cooperación Local ou a próxima mellora do colexio de Piloño, por só citar os máis destacados.
Sobre a solicitude de que o delegado acuda con proxectos, datos e investimentos, maniféstase que o representante autonómico sabe perfectamente como desempeñar o seu traballo e, o mesmo que el respecta ao goberno de Vila de Cruces e non entra nas súas decisións, solicita o mesmo trato recíproco e máis cando o executivo que dirixe Luis Taboada descoñece o funcionamento da Xunta e a quen lle corresponde ou non anunciar o que o Goberno galego decida acometer ao abeiro das súas políticas.
Tamén se lamenta que o goberno de Vila de Cruces falte á verdade asegurando que a Deputación é quen máis inviste, xa que os datos son obxectivos, medibles e indiscutibles e, mentres o organismo provincial adica unha media de 1,1 millóns de euros anuais a Vila de Cruces, segundo datos facilitados pola propia presidenta, a Xunta ten en marcha, para o seu desenvolvemento nos últimos doce meses, diversas iniciativas por máis de 3 millóns de euros, polo que a Xunta é, como todos os anos, a administración que máis inviste de longo en Vila de Cruces. Poderán gustar ou non os investimentos, xa que iso é opinable, pero as cifras son rotundas e non se poden retorcer.
Finalmente, o delegado da Xunta resérvase o seu dereito a comer con quen queira e non entende como o goberno de Vila de Cruces pode empregar o seu xantar como argumento político. Luis López ten, ademais da súa responsabilidade autonómica, unha vida privada e un cargo orgánico no seu partido e non lle consinte ao goberno de Vila de Cruces que lle critique por con quen comparta a comida.
O delegado da Xunta agarda por parte do goberno de Vila de Cruces un maior respecto institucional e non un constante ataque á Xunta de Galicia ante cada visita que realiza ao concello, xa que cre que iso non beneficia as necesarias relacións entre ambas administracións e lamina a confianza que debe existir entre ambas partes. Ademais, entende que estas críticas, esaxeradas e con datos que faltan á verdade a sabendas só para atacar á Xunta, deben estar motivadas por cuestións preelectorais e partidistas do goberno de Cruces".
O que dixo o goberno local desta visita no enlace: https://www.ecosdacomarca.com/post/luis-l%C3%B3pez-visitar%C3%A1-ma%C3%B1%C3%A1-o-mosteiro-de-camanzo-e-o-goberno-local-pide-que-ve%C3%B1a-con-datos-e-proxectos