UCIN Galicia: “Queremos recuperar o tempo perdido e devolver a vida ás nosas aldeas”
- ecosdacomarca

- 25 ago 2025
- 2 min de lectura
Ecos da Comarca/Xeral
Unión de Cidadáns Independentes (UCIN) Galicia anuncia o seu firme compromiso coa recuperación das aldeas galegas e coa revitalización do medio rural, co obxectivo de ofrecer novas oportunidades ás familias e frear o despoboamento que ameaza a identidade e o futuro da nosa terra.

O coordinador de UCIN Galicia, José Luis Calo, salientou que é urxente un cambio de
rumbo nas políticas actuais: “Queremos recuperar o tempo perdido coas nosas aldeas e volver darlles vida, que as familias se queden e regresen ao lugar onde naceron. Galicia
non pode resignarse a ver como se baleira o seu territorio mentres as institucións permanecen inmóbiles”.
Novas políticas para un futuro en común
UCIN Galicia defende a posta en marcha de novas políticas de apoio ao rural, baseadas en:
• Incentivos á repoboación e á fixación de familias nas aldeas.
• Mellora das infraestruturas e dos servizos públicos esenciais (sanidade, educación,
transporte).
Publicidade
• Impulso á economía local con apoio a autónomos, pemes e cooperativas rurais.
• Protección do patrimonio cultural e natural galego como valor diferencial.
Superar o bipartidismo
O partido tamén sinala a necesidade de superar o modelo político que marcou as últimas
décadas en Galicia: “Debemos deixar atrás o entramado político creado polo bipartidismo.
Galicia precisa proxectos novos, próximos e valentes, que escoiten á xente e traballen de verdade polas súas necesidades, non por intereses de partido”, remarcou Calo.
Unha Galicia que volva ser o que foi
Desde UCIN Galicia insístese en que o reto non é só económico, senón tamén social e cultural: recuperar a esencia das aldeas galegas como espazos de vida, comunidade e
oportunidades. “É o momento de volver ser o que fomos: unha terra con futuro, onde as novas xeracións atopen motivos para quedar e construír a súa vida aquí. Galicia non pode perder máis tempo”, concluíu o coordinador.







Comentarios